Sobre o debate da incineradora do Irixo en Telemiño
O outro día estiven a presenciar o debate en Telemiño acerca da
conveniencia ou non de instalar unha planta incineradora (complexo
mediambiental, segundo a persoa que interviu telefonicamente en nome da
empresa, Estela Eólica) no Concello do Irixo. E gustaríame facer algunha
matizacións e puntualizacións ao que alí se dixo. En primeiro lugar, non
creo que unha linguaxe eufemística (complexo medioambiental por planta de
tratamento de lixo, ou valoración enerxética por incineración) axude a
clarificar de que estamos a falar realmente. Así que sería desexable que
fora abandonada dita linguaxe canto antes polos responsables da empresa e da
administración. Non digamos xa polo señor Penedo, empeñado dende o
principio en soster que a planta só emite vapor de auga, como se dunha pota
de auga a ferver no lume se tratara. Non sei que información ten, pero a
xulgar polas declaracións que fai semella vivir na máis absoluta ignorancia
sobre este tema. Empeñado tamén en que pasemos os vindeiros anos mirando a
pantalla do ordenador, segue a afirmar que poderemos controlar o nivel de
contaminación cada 3 minutos (primeiro eran cinco), cando todo o mundo
admite xa que, por exemplo as dioxinas, só se miden cada seis meses, xa que
é o que marca a lei.
Ao fin e ao cabo, o señor Penedo é certo que non ten por que saber
moito sobre incineradoras e métodos de tratar o lixo, xa que simplemente é
o alcalde do concello do Irixo, e se non fora tan “aventureiro” seguiría
tranquilamente a día de hoxe sen ter que saber noción algunha sobre a
cuestión. E nós, os veciños da comarca, igual. O que xa me preocupa máis
é que os representantes da administración en ese debate estaban nunha
situación moi similar. O primeiro deles, Justo de Benito, director xeral de
Calidade Ambiental, acabou por dicir que el non sabía moito do asunto, que
el non era un técnico, e que había que fiarse dos técnicos. Claro, el é
“director xeral”, de que Consellería é o de menos, fai uns anos
tocoulle de fomento do emprego, agora de calidade ambiental, na próxima xa
veremos. A verdade é que se non es “tecnico” en nada, podes ser director
xeral de calquer cousa. Caso diferente foi o director de Sogama, o señor
Lamas, que se presentou a si mesmo baixo o disfrace de técnico, a xulgar
polos estudos científicos que manexaba, e que segundo el amosan de maneira
clara que este tipo de instalacións son inocuas, grazas a unha teconolxía
cada vez máis perfecta. É máis, permitiuse incluso citar un estudo, feito
en Cataluña, polo centro superior de investigacións científicas, segundo o
cal se concluía, segundo el, que non había ningun risco para a saúde das
persoas que vivían a carón dunha incineradora, nen tampouco para os
cultivos ou o gando da zona. O dicía con tanta seguridade, empregando algún
tecnicismo, corrixindo un erro dun adversario con afán de desacreditalo (era
o único que tiña unha formación en ciencias naturais, e debeu consideralo
“perigoso”), ilustrounos con moitos datos doutros países, máis
“avanzados” co noso, que incluso poñían as incineradorea como reclamos
turísticos nos centros das cidades, que case me convence. O problema foi que
case, xa que nun despiste ocórreselle dicir que el non vivía da política,
que el estaba alí de paso e que o día de mañá volvería ao seu traballo
de sempre. Como non vivía da política, eu pensei que o nomearían entón
director de Sogama por ser un gran entendido na mateira, con ampla formación
científica sobre os procesos que se levan a cabo nunha planta destas
características, especializado en xestión de residuos, que sei eu. Pero
mira ti por onde que non, cando rematara este periodo en que el “non vivía
da política” pensaba voltar ao seu traballo de ¡avogado!. E digo eu, se
es avogado, que razón se che ocorre a ti para que te nomeen responsable do
tratamento do lixo de toda Galicia?. Dame a min que a única explicación é
política, e ten moito que ver coa situación do anterior persoaxe que
mencionamos, o Director Xeral de Calidade Ambiental. En resumidas contas, que
os dous individuos empezáronseme a parecer moito. E empecei a sacar
conclusións. Os únicos que estaban alí a favor da planta de Incineración
do Irixo eran: 1º) Un “político” que se declara incompetente na
materia, xa que non é técnico; 2º) Un suposto técnico que non é tal, é
avogado, e que vive (moi ben por certo, xa que con ese salario débese vivir
moi ben) de que os mesmos que nos pretenden instalar unha incineradora
“inocua” o nomearon director doutra que fixeron eles mesmos; 3º) O que
faltaba, un responsable da empresa encargada de facer a incineradora inocua,
perdón, complexo medioambiental, ao cal sería unha falta de respecto grave
suporlle algún interese particular no asunto. Polo tanto decidín empezar a
dubidar de que estés tres homes foran unha fonte de información fiable
(como verán, e por respecto ao alcalde do Irixo, o señor Penedo, a el xa
non o considero nen sequera unha fonte de información, fiable ou non). Así
que de repente recordei por exemplo que o informe do Centro superior do
investigacións científicas non dicía iso exactamente, senón que dicía
que os dez anos de estudo non parecían tempo suficiente para sacar
conclusións epidemiolóxicas, o que nos leva exactamente a concluír o
contrario do que dixo este señor, que é que non sabemos se pode ser
perigoso ou non, moi diferente a dicir que como de momento non o é non o
vai ser nunca. Tamén recordei que outros estudos publicados, feitos por
persoas aparentemente un pouco máis neutrais neste asunto e que si son
técnicos (un exemplo demoledor é Incineración e saúde pública, colgado a
día de hoxe en ducias de páxinas web) parecen indicar unha clara relación
entre determinadas doenzas, algunhas tan graves que poden ser mortais, e a
presenza de plantas deste tipo na zona. Tamén recordei que en varios deses
países “avanzados” dos que falou se instalan en zonas urbanas (para non
facer que o lixo, que se produce nas cidades sobre todo, ande de turismo
rural) porque as que se instalan en zonas rurais, con agricultura e
gandeiría, afectan ao tecido produtivo desas zonas, que en ocasións ten que
ser eliminado. Tamén recordei que estas plantas non serven para producir
enerxía tal e como empezou dicindo, xa que segundo os propios datos de
Sogama, que este señor parece ignorar a pesar de dirixilo, gastan máis
enerxía da que producen. E que se o negocio é rentable é porque estafa aos
concellos, xa que lles cobra por incinerar cando en realidade enterra no
macrovertedoiro da Areosa. Por certo, Sogama pretendía precisamente acabar
cos vertedoiros en Galicia. Estrana contradicción. E isto lévame a outra
cuestión. Este señor dixo tamén que esta incineradora era necesaria, que
o lixo era un gran problema e que había que “resolvelo”, algo no que
tamén coincidía o responsable da empresa, que cando dixo que o peor que lle
pode pasar a un residuo é que o abandonemos enterneceume o corazón.
Parecía estar a falar con tanto cariño dese residuo que era como se lle
fose un familiar cercano. Empecemos por recordar que fai case vinte anos iso
mesmo se nos dixo para xustificar a construcción de Sogama, e que lonxe de
solucionar o problema parece que o empeorou. É certo que os nosos hábitos
de consumo teñen moito que ver con esta situación, de feito a crise, e a
baixada consecuente do consumo, aliviou un pouco o panorama. Pero sobre todo
ten que ver a nefasta política de xestión de residuos que se leva feito
neste país dende que eu teño memoria (e teño o cabelo escaso e branco, ou
sexa que fáganse unha idea), e que lonxe de apostar pola reducción,
reciclaxe, reutilizacion e compostaxe, como mandan as normativas europeas,
empeñouse na incineración, que é o último que se debe facer segundo as
mesmas normativas. E non olvidemos que o señor Lamas, como director de
Sogama, é un dos responsables directos desta desfeita mediambiental.
Todo isto levoume á seguinte conclusión: a administración non minte en
parte ou conta a verdade a medias aos cidadáns, a administración minte
sempre, polo menos sempre que o necesita. E neste caso o necesita de xeito
imperioso: a ver quen vai querer que ao carón da súa casa instalen unha
planta onde se queima lixo, onde se producen escoiras perigosas e cinzas
aínda moito máis tóxicas, que ten un vertedoiro asociado que pode acabar
sendo grandioso como o da Areosa en Sogama, que xera postos de traballo de
baixa calidade, xa que moitos consisten en tratar directamente co lixo, que
contamina acuíferos polas filtracións, que emite substancias tóxicas pola
súa chiminea, que se espallan nun amplo radio, que ao ser tan grande o
volume de lixo que vai tratar concentra esas emisións nunha zona, etc. Polo
tanto hai que contar outra “realidade”, e incluso invitounos a todos nós
a visitala. Non sei se inclúe un chapuzón no Acuaparc, porque se é así eu
prefiro deixalo para o próximo verán, cando mellore o tempo. Mentras tanto,
a min gustariame invitar a todo o mundo a buscar outras fontes de
información (é evidente que moita xente xa o fixo), a visitar a planta de
tratamento de lixo que se atopa no Barbanza, que incinera pero moito menos, e
recicla e recupera moitos máis, como en eses “países avanzados” dos que
nos falou o señor Lamas e a ver esta semana dous documentais que o Cine Club
Carballiño proxecta na Casa da Cultura ás 20:30 horas: o mércores Comprar
tirar comprar, onde falará tamén unha experta en xestión de residuos para
explicarnos por que xeramos tanto lixo e a insostibilidade desta situación;
o xoves Alternativa Cero, que contará coa presenza do seu director, o
carballiñés Pachi Baranda, e que analiza polo miudo o que pasou fai uns
poucos anos en Carballeda de Avia cun proxecto semellante e cales foron as
reaccións dos veciños e dos políticos. Porque non esquezamos que cando a
administración necesita mentirnos, pouco importa quen estea ao fronte dela.
Ricardo Paz