A Xunta adxudicará 2 vivendas de promoción pública na Avenida de Compostela
A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), adxudicará dúas vivendas de promoción pública vacantes no municipio do Carballiño. A Comisión Provincial de Vivenda decidiu, na súa reunión de hoxe, iniciar o procedemento de adxudicación de ditas vivendas.
Os inmobles, que se adxudicarán a través do preceptivo sorteo entre os solicitantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, están emprazados na avenida de Compostela 122 do Carballiño.
As vivendas a adxudicar son propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo e xa estiveron ocupadas por anteriores adxudicatarios. O réxime de adxudicación (aluguer ou compravenda) dependerá dos ingresos dos adxudicatarios, xa que a normativa obriga á adxudicación en alugueiro cando os mesmos non superan 1,5 veces o Iprem (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples).