O concello acomete a rehabilitación da antiga rectoral de Beariz para convertela en centro social. A obra conta cun orzamento de 150.000 euros.
O concello de Beariz asinou previamente un convenio de cesión por parte do Bispado, e agora, cun orzamento de 150.000 euros aportados pola Xunta de Galicia, vai permitir financiar a obra de rehabilitación, que xa está licittada e ten un prazo de execución de seis meses.
O alcalde bearicense, Manuel Prado, comentou en COPE O Carballiño que "a idea do concello dende fai tempo era dotar á capitalidade municipal dun centro social amplo" no que se poidan desenvolver todo tipo de actividades por parte da veciñanza.
A propiedade está situada na rúa principal de Beariz, fronte á Residencia de Maiores e preto da casa do concello, e á beira dun parque infantil "nunha contorna que tamén queremos acondicionar", subliñou o rexedor municipal.
Doutra parte, Prado tamén confirmou a licitación da obra de mellora na rúa Benito Táboas, na propia vila de Beariz, onde se ubica a Casa-Cuartel da Garda Civil, cun orzamento de 50.000 euros. Fundamentalmente, consistirá na reposición do firme da calzada, que está moi deteriorado.