Música alta na rúa Mosquera

27, Febreiro 2022

Ola!!. Quero denunciar, públicamente, as malas prácticas de certos establecementos de hostalería situados na rúa Tomás María Mosquera, pois certa cafetería dun tempo a esta parte adícase polas noites a poñer a música do seu local a todo volume a eso das 12 noite molestando, deste xeito, aos veciños cuxas casas dan a esta rúa. Esta situación leva repetíndose varias semanas, pero esta fin de semana foi a máis, xa que o establecemento en cuestión puxo a música moito máis alto que en semanas anteriores durante a madrugada. Coido que xa é hora de poñer fin a estas malas prácticas desta cafetería. Como comprenderán poñer a música alta a altas horas da noite nas que a xente precisa descansar para madrugar ao día seguinte non é de recibo. Se os donos desta cafetería teñen ganas de troula é mellor que se vaian a un descampado ás aforas do Carballiño a poñer música a todo volume ata que se farten para non molestar aos veciños desta rúa tan céntrica da nosa vila. Os que vivimos nesta rúa precisamos descansar con calma e sosego e non ver alterada a nosa tranquilidade con música que non nos deixa conciliar o sono sobre todo no caso das persoas maiores, dos enfermos e dos que precisamos madrugar para traballar.

Señores do concello ¿a que esperan para poñer fin a estas malas prácticas?. Os veciños e veciñas desta rúa precisamos descansar sen necesidade de que o noso sono se vexa interrompido por música a todo volume como se fose unha algarabía propia dun fiadeiro dos nosos avós a altas horas da noite.

NON OS RUIDOS NOCTURNOS