Espazo Común insta ao concello a rectificar a súa “política caciquil” e abandonar o seu “afán recadador”, tras constatar que está reclamando á veciñanza as taxas da recollida do lixo dos últimos catro anos sen que nunca antes foses notificadas

17, Agosto 2019

Espazo Común denuncia “o afán recadador do Concello” que, tras perdoar débedas antes das eleccións municipais, reclama agora ós veciños o pago de tasas “pola recollida do lixo nos anos 2016, 2017, 2018 e 2019 que nunca antes foran remitidos aos interesados”.

Sen explicación algunha nin comunicación previa, dáselle a estes cidadáns tratamento de morosos ao reclamarlle débedas de catro anos atrás, aseguran dende ESCO.

O grupo municipal Espazo Común en O Carballiño denuncia que, antes das eleccións municipais, “tramitáronse unha morea de expedientes de cancelación de débedas para moitos particulares e empresas por non ter sido notificados en tempo e forma”. Espazo Común precisa que “foron beneficiados negocios e persoas moi coñecidas do Carballiño incluíndo, por exemplo, a exconcelleiros” ó non ter que pagar “multas e impostos municipais por non ser a empresa de recadación quen de localizalos durante cinco anos”.

Sinalan que, tras as eleccións, “cambia radicalmente a actitude e comezan a chegarlle a veciños de Arcos, Veiga, rúas do Carballiño e algunhas outras parroquias cartas nas que se lles esixe o pago con carácter retroactivo da taxa da lixo da que ata hai pouco estaban exentos”. Espazo Común salienta que “é certamente curiosa a transformación da política económica deste alcalde e a súa aplicación moito máis que reprobable por parte da empresa de recadación e os seus responsables.”

Espazo Común considera “unha tomadura de pelo que algo así se ocultara ata pasado o proceso electoral” e tamén considera que se trata “dunha nova proba da mentira masiva urdida por Fumega antes do 26 de maio”. O grupo municipal precisa que “é evidente que un expediente de regularización deste tipo non se elabora en dous meses e resulta aínda máis sospeitoso que se pase ao cobro no segundo semestre deste ano 2019 e non no primeiro” e conclúe que “a única explicación é que esta cuestión permanecera agachada nun caixón ata despois das eleccións para non enfadar aos votantes”.

Finalmente, esta formación política esixe a convocatoria dunha xunta de voceiros para que se dean explicacións satisfactorias para a cidadanía e que se “rectifique esta política interesada e caciquil na que se está sumindo o Concello do Carballiño”.

De non ser así, engade Espazo Común,“falaremos co resto de grupos da oposición e valoraremos forzar a convocatoria dun pleno extraordinario.”