O concello de San Cristovo de Cea e Medio Rural animan á veciñanza das parroquias de Lamas e Longos á execución de proxectos que impulsen a recuperación da terra agraria
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, mantivo este domingo un encontro coa veciñanza das parroquias de Lamas e Longos.
A reunión levouse a cabo no centro multifuncional de Cea, con numeorsa concurrencia de veciños das dúas parroquias que estaban convocadas polo concello de San Cristovo de Cea. O obxectivo deste encontro foi afondar nas vantaxes da Lei de recuperación da terra agraria e das ferramentas que nela se recollen.
O conselleiro remarcou a importancia desta medida para potenciar a actividade económica e social no rural, especialmente nos terreos que se atopan en situación de abandono e infrautilización, así como dos núcleos que se inclúen neles.
En definitiva, sinalou, o fin destas ferramentas como son os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupacións de xestión conxunta e as permutas de especial interese agrario, é impedir ou reverter o abandono do rural ao mesmo tempo que protexen o medio ambiente, creando emprego e apoiando á prevención e defensa fronte aos incendios forestais.