O concello decide recuperar o percorrido tradicional para o desfile do carnaval
Os responsables municipais decidiran o ano pasado cambear o percorrido, que tivera a súa saída desde Rapariz e continuara por Curros Enríquez e a rúa peonil atá Calvo Sotelo. Este ano volveráse ao itinerario tradicional.
Trala polémica do ano pasado por este cámbeo, a concellería de cultura do Carballiño anuncia que para este desfile de 2013, o martes 12 de febreiro, vaise recuperar ese percorrido que viña sendo o tradicional, con saída desde Otero Pedraio, pasando polas rúas Conde Vallellano, Rotonda da Alameda, Avenida de Julio Rodríguez Soto, Calvo Sotelo, Tomás María Mosquera e Praza Maior.
Dende o luns 28 de xaneiro abriráse o prazo de incrición para as comparsas e grupos que queiran participar no desfile do martes de entroido no Carballiño. Dende a concellería de cultura daráse a coñecer nos próximos dias as bases do concurso de comparsas, a contía dos premios e demáis aspectos da organización, asegurando que os premios "serán entregados nada máis coñecerse o fallo do xurado, como xa se fixo o ano pasado", indican.