O concello do Carballiño pídelle á Xunta que poña a disposición a Residencia de Tempo libre para acoller refuxiados de Ucrania
O Concello do Carballiño remitirá un escrito á Xunta de Galicia para instar ao Goberno galego a que ofreza as instalacións da Residencia de Tempo Libre do Carballiño para acoller aos refuxiados da guerra de Ucrania.
A Residencia do Carballiño funciona en temporada, centrando a súa maior actividade na época de verán. Dende o Concello trasladarase á Xunta a proposta de que se acondicione a Residencia para que poda estar operativa para cando se necesite e que se proceda a ofrecer as instalacións para acoller ás persoas que se vexan obrigadas a deixar Ucrania pola guerra provocada por Rusia na súa invasión do país.
As instalacións da Xunta no Carballiño xa xogaron un importante papel solidario en 1992, cando acolleron a un numeroso grupo de refuxiados bosnios que fuxían da guerra dos Balcanes. Grazas á súa estadía na Residencia do Carballiño puideron fuxir da guerra, ou mesmo de ser vítimas da mesma, e logo volver ao seu país para continuar coa súa vida e empezar de novo. Nalgúns casos mesmo decidiron optar por afincarse entre nós para desenvolver o seu proxecto vital.
O Concello carballiñés cre que no escenario actual compre dar un paso adiante para demostrar de novo a solidaridade do pobo galego coas vítimas das guerras e por iso mesmo remitirá un escrito á Xunta para que ofreza as instalacións da Residencia de Tempo Libre para acoller aos refuxiados da guerra de Ucrania.
Dende o Concello tamén se fai un chamamento á cidadanía para colaborar coa campaña de axuda urxente que puxo en marcha Cáritas Parroquial de O Carballiño para recoller materiais destinados a Ucrania.
Os materiais que se necesitan céntranse de maneira especial en tres apartados: enseres, comida e medicamentos. No primeiro apartado recóllense dende mantas a cadeiras de rodas ou muletas, ademais de roupa e produtos de limpeza e hixiene para os nenos. A comida deberá ser instantánea (non envasada en cristal), conservas, café soluble e te. E no capítulo de medicamentos necesítanse dende vendas, apósitos e auga osixenada a antibióticos e analxésicos.
Os puntos de recollida de Cáritas para entregar as doazóns solidarias con Ucrania son Cáritas Parroquial do Carballiño e o templo da Veracruz. Cáritas estará aberto de 11 a 13 horas e a igrexa da Veracruz de 18 a 20 horas.