O Fondo de Compensación Ambiental permite ao concello de Avión construir un punto de transferencia de residuos de demolicións
Os preto de 65.000 euros recibidos polo concello de Avión investíronse na creación dun punto de transferencia de residuos de construción e demolición.
O proxecto executado polo concello de Avión, e financiado por medio do fondo de compensación ambiental, ten como obxectivo contribuír á desaparición dos moitos vertedoiros que degradan paisaxística e medioambientalmente distintas zonas do concello. Esta infraestrutura instalouse nunha parcela do que vai a ser o polígono empresarial do Sifón, cumprindo coas demandas ambientais por estar fóra do alcance visual desde a estrada e desde as parroquias e non producir cheiros por tratarse de materiais inertes.
O Delegado territorial da Xunta ,Rogelio Martínez, acompañado polo alcalde do concello, Antonio Montero, visitou as obras realizadas e constatou que os traballos se executaron conforme ao proxecto aprobado, cun orzamento total de 64.800 euros. Unha vez realizada satisfactoriamente a comprobación material do investimento procedeuse ao acto administrativo de recepción da obra, na casa do concello de Avión.