Recepción na Deputación Provincial ao Club Deportivo Arenteiro

10, Maio 2021

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo provincial aos xogadores, corpo técnico e directiva do Club Deportivo Arenteiro, que este domingo pechou unha tempada histórica ao proclamarse campión de terceira división, logo de conseguir con anterioridade o ascenso á segunda RFEF.

Baltar, acompañado polo asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, puxo de relevo que o acto de hoxe "era o mellor momento para abrir de novo as portas do salón provincial de plenos, logo de meses pechado", felicitando aos xogadores porque " en circunstancias como estas destes o mellor de vós, como tamén os afeccionados que sempre estiveron aí, e agora representades á elite do fútbol ourensán".

Pola súa banda, o presidente do club, Argimiro Marnotes, encomiou "o gran traballo feito durante todo o ano nun gran proxecto deportivo, no que ademais contamos co recoñecemento da Deputación e o seu apoio para as novas melloras no estadio".