San Amaro reivindícase como Ribeiro na 2ª Festa do Viño, que constituíu un éxito de organización e afluencia de público.
Un numeroso grupo de colleiteiros das parroquias de Eiras, San Fiz, Beariz e Anllo, dentro da zona vitivinícola ribeirán do concello de San Amaro ofreceron os seus viños, que os asistentes a esta 2ª Festa do Viño e magosto poideron degustar acompañados de panceta asada e castañas.
Entre os asistentes, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, que participou na inauguración desta II Festa do Viño de San Amaro, antes de que tomase a palabra como pregoeiro a Xosé Lois " O Carrabouxo", O presidente provincial, acompañado polo alcalde, Fernando Redondo, felicitou á veciñanza e ao propio equipo de goberno por recuperar unha arraigada tradición de vello como eran as festas organizadas para probar o viño novo, á que se sumou nesta ocasión un magosto popular.
A recadación do evento, descontados os gastos de organización, será destinada por parte do concello de San Amaro á comunidade educativa do colexio de San Amaro, para axudar a financiar actividades escolares.
A celebración desta 2ª Festa do Viño de San Amaro foi motivo para que colleiteiros e o propio alcalde de San Amaro, Fernando Rodríguez Redondo, recordase que "San Amaro é Ribeiro e quere máis Ribeiro", unha mensaxe directa á Denominación de Orixe Ribeiro, na que reivindican integrarse.
Da animación musical encargouse a discotéca A Gramola no que foi a fin de festa, antes oa asistentes escoitaran e aplaudiran a actuación do cantante galego Antonio Barros.