Un accidente de tráfico acabou coa vida dun mozo carballiñés de 26 anos nas inmediacións de Gomariz, na estrada 0U-504
(Redacción. Belén González) A vítima do accidente corresponde coa identidade de Abel García Gulías de 26 anos e veciño de O Carballiño. O mozo, que viaxaba só en dirección a Ribadavia, faleceu practicamente no acto do accidente despois de adiantar a varios coches nas inmediacións de Gomariz, á altura da pista de frenado. Pasadas as 22.00 horas tiña lugar o sinistro na estrada OU-504, estrada que une Ribadavia con Cea -coñecida tamén como eixo de O Ribeiro-. Nun dos adiantamentos o mozo perdeu o control do vehículo, chocou contra o lateral dereito da estrada e envorcou varias veces. O automobil foi valorado como sinistro total. O funeral terá lugar mañá martes día 11, ás 19.00 horas no templo da Veracruz e logo recibirá sepultura no panteón familiar da Igrexa Parroquial de Arcos.