A Xunta autoriza o convenio de 1,5 millóns de euros co Xeodestino O Carballiño-Ribeiro para impulsar o plan de sustentabilidade turística en destino
O Consello da Xunta ven de autorizar na súa reunión desta semana a subscrición dun convenio de colaboración coa asociación O Carballiño-O Ribeiro para a posta en marcha do Plan de sustentabilidade turística en destino por valor de 1,5 M€ nos 21 concellos que conforman parte do xeodestino que xestionan.
Incluirá medidas como a posta en marcha de ferramentas de dixitalización, realidade aumentada e posta en valor dos produtos gastronómicos locais a través de rutas temáticas, entre outras. En concreto, o plan beneficiará os concellos da Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia Beariz, Boborás, O Carballiño, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea, Padrende e Pontedeva.
Entre outras medidas prevese un plan de ruta ata 2025, que incluirá a mellora da xestión turística deste destino coa restauración paisaxística dos produtos e servizos turísticos, elaboración dun inventario do patrimonio material e inmaterial enogastronómico ou a creación dun menú especial con produtos km 0 da zona. Tamén se prevé, entre outras accións, implantar medidas de realidade aumentada para coñecer a tradición enogastronómica do territorio ou a apertura dun centro de enogastronomía.