A Xunta destina máis de 250.000 euros á mellora da OU-212 nos concellos de Beariz e Avión

13, Marzo 2017

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Beariz, Manuel Prado, supervisaron as obras de mellora da seguridade viaria executadas na estrada OU-212, que comunica a localidade da Ermida co Concello de Beade a través dos municipios de Beariz e Avión, actuacións nas que o Goberno galego investiu máis de 250.000 euros.

A Xunta levou a cabo actuacións de reforzo de firme en varios puntos da estrada nun treito de 6 km, desde a travesía de Beariz cara ao norte, ata o enlace coa estrada N-541.

Estes traballos contaron cunha achega dun importe duns 157.000 euros. Nesta mesma estrada, en xaneiro tamén quedou finalizada a mellora localizada do firme nun treito de 2 quilómetros e medio, entre a saída de Beariz e a entrada a Liñares, xa no termo municipal de Avión.

Esta infraestrutura viaria, pero neste caso, xa no núcleo de Avión, entre a travesía desta localidade e a intersección coa estrada provincial, tamén foi obxecto dunhas obras de rehabilitación do firme e da mellora da sinalización.