A Xunta licita as obras de mellora do firme en 4 estradas ao paso polas comarcas do Carballiño e do Ribeiro, cun investimento de máis de 1 M€
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe as obras de mellora do firme en 4 estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Carballiño e do Ribeiro, cun investimento de máis de 1 M€.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación destas actuacións, establecendo como prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas ata o vindeiro 2 de maio.
Estes traballos comezarán no verán e prevese o seu remate este mesmo ano, ao contar cun prazo de execución de 6 meses.
As actuacións levaranse a cabo nas estradas OU-206, no Carballiño; na OU-212, ao paso polos concellos de Avión, Carballeda de Avia, Leiro e Beade; na OU-901, en San Cristovo de Cea e no Irixo; e na OU-902, en San Cristovo de Cea e Vilamarín.
As intervencións consistirán na rehabilitación superficial do firme mediante o fresado e a reposición en arredor de 69 km de vía, completado co repintado das marcas viarias.
Ademais, inclúense outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón.