Coidado cos datos do Padrón en anos electorais.

22, Xaneiro 2023

Porque levan a engano. Deberíamos ser máis coidadosos á hora de elaborar un titular. Porque se nos quedamos no titular sen profundizar nos datos chegaremos a conclusións radicalmente falsas. E non hai nada máis tóxico que aquela información que queda arraigada no subconsciente colectivo e é falsa. Porque impide tomar as medidas necesarias pra tentar correxir as causas e os efectos.

O titular é capcioso. Porque insinúa un cambio de tendencia nos datos poboacionais. Eu penso que lamentablemente este cambio non é real. Se nos fixamos ben os concellos que lideran este presunto cambio de tendencia son Punxin con (+40) e Maside (+35). Basta con analizar o saldo vexetativo de ambos concellos, e do resto que aumentan en poboación, pra decatarse que estes aumentos non son provocados polos saldos vexetativos. Polo que nos quedaría analizar os saldos migratorios. E aquí entra en xogo o ano electoral. É un xeito obxectivo que en anos electorais prodúcense bailes de empadroamentos. Falimiares e coñecidos de partidos de unha e outra cor, empadróanse no mes de decembro nos núcleos de poboación máis pequenos (normalmente residen en Ourense, Vigo, Santiago, e o restos de núcleos máis grandes). Especialmente nos núcleos máis pequenos estes bailes poden influir máis nos resultados electorais.

O dato máis relevante que me fai pensar que non estamos nun cambio de tendencia é o dato do Carballiño. O suposto crecemento é de (+21). Supoñendo que ese crecemento fose real e non imputable ao ano electoral, sería un crecemento pírrico e de pouca relevancia pra una poboación preta aos 14000.

Sendo correcto o titular, porque é certo que segundo os datos do INE é a primeira vez que a comarca sobe en poboación neste século, e sendo certo tamén que neste século houbo outros períodos electorais nos que non se contemplou este fenómeno, o crecemento é tan pírrico (116-87=33), que non invita a pensar nun cambio de tendencia real.

En definitiva, un saldo positivo de +33 nun ano electoral, non pode invitar ao optimismo. Porque correríamos o risco de pensar que as medidas pra fixar poboación fixeron efecto. E porque poderíamos entrar na tentación de non deselvolver medidas pra fixar poboación que deberían ser prioritarias.

E pra fixar poboación o máis importante é a oferta de servizos. Vendo o paulatino deterioro dos servizos de saúde na comarca, vendo a deficiencia dos demáis servizos ofertados polos entes locais, dos que cada vez hai más queixas, as cousas non se están a facer ben neste eido. E se pensamos que imos fixar poboación cos saraos de Fitur ou a Festa do Polbo, levámola clara.