Da Agrupación Socialista de Boborás sobre a diferenza de trato á veciñanza de Pazos de Arenteiro

7, Novembro 2016

A Agrupación Socialista acudiu, máis unha vez, ao chamado doos veciños e veciñas do Concello, desta volta, da veciñanza de Pazos de Arenteiro. Os socialistas de Boborás amosan a súa total disposición a atender as demandas dos habitantes do muncipio e, nesta ocasión, para por de relevancia a diferenza de trato entre as zonas do lugar.

A pesares do que promociona o goberno do PP de Boborás, non todo en Pazos de Arenteiro é tan ideal e exemplar. O estado da parte de de cima do propio lugar dista moito do pobo turístico que nos quere vender o Alcalde e o seu equipo de goberno. O malo estado no que se atopan os camiños na parte alta do pobo, evidencian que os esforzos están todos concentrados en arranxar as zonas que máis interesan ao goberno municipal, nomeadamente, a zona na que se concentra a casa de turismo rural, que xa fora arranxada e, nembargante, voltou a ser obxecto de actuación e da conseguinte promoción nos medios.

Ao escoitar á veciñanza, os socialistas poden concluír que as súas queixas son máis que razoable e que están a vista de calquera que queira comprobalo in situ. O mal estado dos camiños parcheados con cemento, evidencian as chapuzas das que foron obxecto cando se procedeu á instalación da acometida de saneamento das vivendas. Así mesmo, ante a chegadas dos meses fríos, os veciños e veciñas temen pola súa propia seguridade ao tratarse de camiños intransitables durante o tempo de xeadas e choivas, debido ao grande desnivel que padecen os camiños.

Cómpre recordar que na aldea viven moitas persoas de idade avanzada, na súa maioría xubiladas, que poden ser máis proclives a caídas. Dende o PSOE de Boborás queren lembrar que, en verbas do seu Secretario Local, Javier Lamas: “Hai un par de anos que o Concelleiro de Obras visitou a zona, prometendo arranxar os camiños sen que se volvera a saber del e das súas promesas ata o de agora, incumprindo co seu deber. Os turistas que veñen a Pazos, atópanse con estes camiños e son os propios veciños e veciñas os que lles explican que o “bonito”, o que hai que ver, está na parte de abaixo do lugar”.

Dadas as circunstancias, os socialistas de Boborás consideran intolerable o estado de abandono no que se atopa o pobo e esixen do goberno municipal, o arranxo inmediato dos camiños e que se actúe sempre respectando a igualdade dos veciños e veciñas á hora de acceder aos servizos que presta o municipio.

Asdo: PSOE de Boborás.