Da concelleira do BNG de San Cristovo deCea sobre a xestión municipal no municipio

5, Outubro 2015

Os anos non pasan de balde. É unha sentencia popular, que se respalda nunha lei de vida inamovible, marcada polo paso inexorable dun tempo que parte da infancia e chega ó pasamento, despois dunha curva álxida de vida intensa, lúcida e activa.

Para min o tempo tamén pasou. Oito anos apartada da vida política activa no Concello de Cea son moitos anos. Os suficientes como para refacer unha vida persoal rota e para seguir madurando na miña carreira profesional. Os suficientes para ver un pouco de mundo, coñecer outros modos de facer e vivir, ler moreas de libros, dar centos de clases, escribir un bo número de artigos e de libros e trafegar cos traballos da vida. E volver integrar unha candidatura e volver ser elixida Concelleira en Cea foi pechar un círculo de oito anos e decidir que si, que estaba lista para volver á vida política activa porque algo podía aportar a ela, porque a vida política tamén precisa masa crítica que non estea apalancada no poder. Chegar co meu amigo e colega Manolo ó Concello foi, ademais, chegar co respaldo incondicional e co afecto que podía precisar se nalgún momento me podía unha emoción ou me tremaba a man.

Porque en Cea con frecuencia a unha trémalle a man, o pulso, o latido interno do corazón. E trémalle porque o que se encontra é unha situación de marasmo que só pode provocar mareo, vertixe e carraxe. Porque o tempo tamén pasou para Cea, aínda que o Concello pareza estancado nun tempo perdido, só roto polo soar das campás que anuncian que quedamos menos. O tempo tamén pasou para Cea, e tanto que pasou, inexorable, condenándoo a un descalabro político e económico que acompañará as vidas de todos nos anos que seguen.

Porque, nestes oito anos, e mentres se falaba e refalaba da tan cacareada crise, e se cadra amparándose nela, o Concello contraeu unha débeda millonaria que en nada axudou a reforzar a estrutura produtiva, social e humana dos seus veciños e que nos condena inexorablemente á asfixia nas próximas décadas. O Sr. José Luis Rodríguez Valladares e o seu goberno teñen neste momento embarcado ó Concello e a todos os veciños de Cea nunha débeda de un millón dous centos trinta e un mil douscentos setenta euros (1.231.270 Euros). Un millón e cuarto de euros contantes e soantes. Un millón e cuarto de euros contantes e soantes, si, cando nos daban a entender que conseguían suculentas subvencións para obras de gobernos amigos, que na realidade ben pouco aportaron. Así. Como se nada pasase, en silencio.

E a unha a indignación sóbelle ó peito cando o Sr. Valladares nin se despeina no Pleno en que se lle pregunta sobre este punto e se lle advirte da situación de ruína económica do Concello. Como tampouco se despeina cando se lle pon sobre a mesa a súa nefasta xestión, que reparte a metade do presuposto municipal en pagar soldos e a metade restante en pagar intereses de débeda, amortización de crédito e gastos correntes e non prevé absolutamente ningún tipo de inversión. Inversión cero significa afogamento, morte por inanición. A inversión é o alimento do Concello. A fonte de vida, porque sen investimento o Concello ten os días contados, os días que dure a vida dos seus xubilados, dos pequenos traballadores autónomos, dos que levantaron unha pequena empresa ou dos que buscamos as fabas noutros lugares.

Oito anos despois, a unha trémelle o pulso de vergonza allea, de carraxe e de impotencia. Pero ao Sr. Valladres non. Digamos que estes oito anos só aumentaron a súa desgana, a súa incapacidade e a súa carraxe fronte ó contrario. E o seu cinismo. Os coletazos do animal ferido.

Nunca os Plenos en Cea foron un exemplo de democracia, porque, non o esquezamos, en Cea non hai democracia, hai unha pantomima que se chama convocar un Pleno que previamente foi baleirado de competencias, competencias que asume na súa totalidade unha Comisión de goberno presidida polo Sr. Valladares e que está apoiada en tres dos seus concelleiros. É a política do rodillo, da carnavalada, o sainete dunha teórica democracia que está no papel (en papel mollado) e que nunca se exerceu en Cea. Pero agora, ademais dunha pantomima, nos Plenos –e neste último, o primeiro de traballo ordinario real, quedou meridianamente claro– mudou a folla de ruta. Delegando noutro Concelleiro todas as intervencións, o Alcalde-Presidente só tomou a palabra para pechar sentenciosamente as intervencións da oposición cun ton burlesco e despectivo que mostra todo o que para el valemos: nada, basura, lixo, que se quere aplastar con mentiras e datos falseados, invertidos e sacados de contexto. O tempo pasou inexorable: máis torpe, o Sr. Valladares é un cadáver político que prepara a sucesión.

Digno seria para el unha renuncia, un xesto de dignidade despois dos “éxitos” colleitados –lean a palabra coa dose xusta de ironía–, da vanagloria con que se acuna. Porque a súa capacidade de agarrar o timón dunha nave que vai a pique é máis manifesta ca nunca, e nunca tivo timón máis que para o que foron intereses abertamente partidistas e partidarios. Pero o sillón é cómodo ou parece cómodo. Porque tamén aquí os tempos mudaron. E se hai oito anos nalgún momento me obrigou a calar, intimidatorio, corrosivo e ofensivo, agora non me vai tremer a voz, como tampouco lle trema ó meu compañeiro de traballo, para denunciar a mentira que hai detrás da balsa de aceite que parece Cea. Mentres teñamos palabra, a palabra escoitarase e sentirase. Porque é hora de que se movan as augas estancadas e putrefactas do Concello, de que ecoe a voz entre os muros, sempre pechados, do Salón de Plenos. Señores, sírvanse pasar. Empezou a función.

Mariña Arbor Aldea-Concelleira do BNG en Cea