Das Asociacións Donorte e 8 Notas

25, Xaneiro 2013

A Asociación Cultural e Xuvenil Donorte e a Asociación Cultural 8 Notas , ambas do Carballiño queremos solicitar á Concellaría de Cultura que nos aclare que se da mesma maneira que , tal e como saiu anunciado hoxe na prensa , o Concello a través desta Concellaría pon a disposición dunha iniciativa privada con ánimo de lucro,  os medios públicos para organizar un curso de chinés (mandarín),  estas condicións se extenden para todas as iniciativas xurdidas do mundo asociativo carballiñés. Medios tales coma os locais muncipais, dos que as asociacións sen ánimo de lucro deste Concello non dispoñemos de forma permanente. É xa unha reivindicación histórica, a necesidade de que o Concello dispoñibilice un local social para que as distintas asociacións, sexan culturais,xuvenís, veciñais ou do tipo que sexan; teñan para organizar as súas reunións e actividades ao tempo que esta infraestructura facilitaría a colaboración e o desenvolvemento de actividades conxuntas que dinamizarían a vida cultural e asociativa do noso Concello. Así mesmo, é de urxente necesidade, como asi foi a promesa do actual goberno municipal, o establecemento dun local de ensaio así coma un punto de información continuada ao que a cidadanía poida acudir a informarse de forma específica destas actividades. Do mesmo xeito, xa foi expresado por nós , en diversas ocasións, a urxencia de establecer unha Casa da Xuventude que atenda as necesidades específicas dos mozos e mozas do noso Concello. Todas estas demandas, resúmense no feito de que precisamos que dende a área cultural do Concello se artelle unha polítíca específica que aposte decididamente polo asociacionismo como motor cultural e social da nosa vila.

En troques, apostan pola iniciativa empresarial privada e proporcionan unha infraestructura pública para unha iniciativa con ánimo de lucro, creando un agravio comparativo .  Polo que, reclamamos que , a partires deste momento, se dean as mesmas condicións, alomenos, para todas as iniciativas culturais.

Así mesmo, solicitamos por escrito, que nos sexan aclaradas as condicións desta cesión de medios públicos a unha iniciativa privada.

Asdo: Asociación Cultural e Xuvenil Donorte e Asociación Cultural 8 Notas.