De Espazo Común "A falla de limpeza é un ano máis o comentario xeralizado de turistas e veciños".

18, Xullo 2025

Hai un par de meses, tódolos veciños do Carballiño poidemos ver unha foto coa presenza de membros do desgoberno PPSOE anunciando unha revolución na limpeza viaria do noso pobo.

Certamente resultaba algo necesario pois as queixas veciñais pola falla de limpeza eran xeralizadas.

O elevado importe do contrato adxudicado a unha empresa, arredor de 350.000 € ao ano, levounos a pensar que, á fin, veríamos o pobo limpo.

Nada máis lonxe da realidade, a foto resultou ser unha fantasía máis e toda aquela maquinaria coa que se retrataron na Praza Maior nunca máis se voltou a ver polas rúas.
Así, a triste e crúa realidade da nefasta xestión destes once magníficos quedou en evidencia este pasado domingo 13 de xullo.

Sendo o día posterior ao entroido de verán, con desfile incluído e unha importante afluencia de xente, todo o dispositivo de limpeza consistiu en tres operarios, dous con vasoira e un cun simple soprador de mán.

Estes tres traballadores non serían suficientes nin sendo superheroes de Marvel polo que non procede máis ca pedir explicacións aos irresponsables gobernantes que gastan ese diñeiral dos cartos de todos e, aínda así, non son capaces de garantir un servizo de calidade.

Tristemente, un ano máis, turistas e veciños seguen a queixarse amargamente da imaxe lamentable que ofrecen as nosas rúas. A diferencia é que este ano, aínda por riba, pagámoslle 350.000 € a unha empresa.

Asdo: Espazo Común, concello do Carballiño.