De Espazo Común sobre a decadencia das Festas do Setembro

20, Setembro 2024

Por respecto ao que son, sen discusión, as festas máis tradicionais do Carballiño, dende Espazo Común, agardamos á finalización do Setembro para emitir a nosa opinión.

A triste realidade é que cada ano que pasa, están máis preto de converterse nas dunha aldea (pequena). Na mesma liña que o resto de actuacións do goberno municipal que levan a este pobo a perder e perder peso en tódolos sentidos posibles.

Moi lonxe quedan xa aqueles tempos de grandes concertos de estrelas do panorama musical nacional. Moi atrás quedan os anos nos que había dúas orquestras diarias, unha banda de música cada día ou actividades para os cativos durante toda a semana. Aquelas etapas nas que as nosas festas superaban a calquer outra da provincia, incluídas as da capital.

Non debería ser necesario dicir o gran valor económico que isto tiña para o noso pobo pero vivimos tempos nos que os que mandan no Concello nos contan que podemos ter un estadio de 10 millóns de euros pero non unhas festas patronais decentes.

As queixas que nos chegaron dos cidadáns son tantas que sería imposible recollelas todas neste comunicado pero imos comentar algunhas das máis repetidas:

-Non é serio falar de sete días de festas cando realmente foron 4. O 18 só houbo o día do neno (con algunhas atraccións que xa marcharan e outras que seguiron cobrando o mesmo ca días anteriores). O 19 resúmese nunha liña: “Romaría da Saleta, que como é sabido ten lugar noutro concello.
-O cambio de datas dos fogos artificios, rachando coa tradición de facelos o día de feira, o 16, causou moitas molestias na xente. En tempos houbo ata tres días de fogo.
-A ausencia case total de bandas de música, charangas ou gaiteiros fixo que moita xente se preguntara se realmente estábamos en festas.
-Das poucas orquestras que viñeron, varias tocaron na Praza da Veracruz a escasos metros das atraccións, producindo unha cacofonía de sons entremezclados que resultaba atronador.
-A actuación estrela por enésimo ano consecutivo, a Panorama axendouse para o día festivo local, o 17. Sen ter en conta que ao día seguinte, a rapazallada xa tiña que ir a clase e a xente de maior idade, a traballar. Damos por sentado que é un concepto que os membros do grupo de goberno non manexan.
-Non é de recibo que se perxudique aos hostaleiros locais que pagan os seus impostos todo ano permitindo a colocación de barras de particulares de fóra do Carballiño nas zonas próximas ás orquestras. Así foi que no día do patrón, moitos locais que soen ter ambiente pola noite pecharon arredor das 12 da noite.

Esta afrenta aínda é máis grave se temos en consideración que os mesmon que autorizaron este negocio particular, impediron que o sábado da Festa do Pulpo os hostaleiros locais instalaran terrazas no exterior dos seus establecementos.

O primeiro fito acadado polo goberno PPPSOE é conseguir algo ben difícil: que todo o pobo estea de acordo. Foron as peores festas da historia do Carballiño.

Todo o goberno é responsable desta desfeita pero hai tres persoaxes cunha habilidade especial para estes desastres: o trío formado polo aferrado á silla alcalde Fumega e os eternos Diego Fernández e Manolo Dacal. A estas alturas xa demostraron que a duras penas son quen de organizar nada que non responda aos seus intereses particulares.

Dende Espazo Común pedimos que se deteña xa esta deriva e que de cara ao ano 2025 se pense dende xa nunhas festas dignas, nunhas festas coas que tódolos veciños de Carballiño se sintan orgullosos e das que se poida disfrutar sen preocupacións.