De Espazo Común sobre a festa do pulpo: desorganización, caos, actividades repetitivas e de escaso nivel, e obvio descenso de público no Carballiño.
Dí o dito popular que “pasou o día, pasou a romaría”. No caso da Festa do Pulpo é tal que así polo que toca facer balance de todo o acontecido durantes esta última semana, comezando porque cada vez hai menos romaría, unha das moitas cousas que se debe mellorar na planificación para anos vindeiros.
Espazo Común ven recollendo estes días tódalas queixas, ideas e aportación de colectivos, empresarios, cidadáns de a pé, xuventude, etc. e tentará que no pleno do vindeiro mes de setembro se debata a creación dun grupo de traballo con participación de todos estes sectores para mellorar a organización dunha festa que, a pesares da súa grandeza, semella estancada e menos atractiva cada ano que pasa.
A teórica semana grande da nosa vila baseouse nunha programación moito máis escasa ca outros anos e, sobre todo, moi repetitiva. Os Coribantes viñeron ao Carballiño 8 veces nos últimos 9 anos e os Gin Tony´s en 7 ocasións no mesmo tempo. Sen dubidar da calidade destes artistas, non estaría de máis algunha novidade. A “actuación estelar” de Zapato Veloz e de Los Limones deixou un sabor agridoce nos asistentes.
No programa tampouco atopamos actuacións nin actividades para o sector da xente xove, a gran esquecida ano tras ano por este Concello.
Outro aspecto a mellorar é o da organización do récord da tapa de polbo máis grande do mundo. Xa hai anos que todo o pobo, pulpeiros incluídos, insiste no seu traslado á Praza da Veracruz e só a teima inmobilista do goberno a mantén nun espazo reducido e con pésima visibilidade.
O caos da sábado á noite con respecto aos horarios tamén é algo a anotar, faise necesario compaxinar a diversión co descanso dos moitos cidadáns afectados polo ruído. Non pode haber locais coa música a todo volume ás 8 da mañá.
O eterno conflito de intereses do goberno tamén se percibe no desigual reparto das actividades e acutacións musicais, moi concentradas nun área concreta arredor da parte superior da rúa Principal.
E así chegamos ao domingo. O día grande por excelencia.
Na parte institucional, a xa acostumada desorganización no tocante aos actos. Por exemplo: a inauguración da praca conmemorativa do irmanamento con Noventa Padovana da que ninguén foi avisado e da que os medios de comunicación foron avisados con media hora de antelación.
Poderíamos continuar coa estrana e descafeinada recepción de autoridades que foron expostas á 1 da tarde a un sol inmisericorde contra todo sentido común.
Se hai uns anos a cuestión era se viña o presidente do goberno central, o da Xunta ou algún ministro, vemos como a presenza mediática na festa vai indo a menos.
Que houbo menos afluencia de xente nesta edición é unha obviedade que tódolos asistentes percibimos mesmo con moita menor densidade de tráfico nas horas punta ata o grao de que non había policía en moitos dos cruces conflitivos.
A escasez de pulpeiras no Parque repítese outro ano máis ante a aposta do goberno local de aumentar o seu número no casco urbán. Ao xuízo de moitos veciños, un erro que está facendo moito dano á romaría tradicional e que pon en perigo o futuro da festa.
A sensación xeneralizada é que para favorecer a uns poucos bares, vaise perder o espírito orixinal e o feito diferencial da Festa do Pulpo: o de ser unha romaría tradicional no marco incomparable do noso Parque Municipal.
A escaseza de baños, xunto cos fallos que obrigaron a inutilizar algúns e a hora á que foron pechados moito antes de que rematara a festa da xuventude o domingo pola noite tamén dá conta do grao de improvisación e da ausencia dunha planificación axeitada.
Todas estas cuestións e algunhas outras serán tratadas a instancias de Espazo Común no pleno de setembro onde aportaremos unha moción coa proposta de creación dun grupo de traballo. Un conxunto de veciños representantes do comercio, da hostalaría, da xuventude, da cultura, etc. que traballe con moita antelación para acadar que a Festa do Pulpo volte a medrar e saia do estancamento no que se acha.
O obxectivo ten que ser a elaboración dun regulamento para a organización da festa e unha folla de ruta que derive en moitas e necesarias melloras.