De Espazo Común sobre "o caciquil e vergonzoso reparto de mascarillas por parte do concello do Carballiño"

8, Abril 2020

Espazo Común leva dende o primeiro momento do estado da alarma exercendo a responsabilidade de deixar a crítica política a unha beira para tentar aportar solucións útiles para a complexa situación vital na que se atopan moitos veciños e veciñas do noso pobo.

Levamos semanas observando como lonxe de buscar o consenso e traballar polo ben común, o goberno dirixido por Paco Fumega, segue na súa liña de falsidades e autobombo sen un verdadeiro proxecto para o incerto futuro que se nos presenta a todos.

Sen embargo, aínda así, optamos por tentar suplilo con propostas concretas e facendo o traballo que deberan estar facendo eles, reservando as valoracións sobre a xestión para cando todo esto remate.

Pero no día de hoxe, confirmamos unha información de tal gravidade que non pode agardar máis para ser denunciada. O tenente de alcalde Manolo Dacal andivo a repartir ao seu capricho, a quen el considerou oportuno, un gran número de mascarillas de protección sen respectar criterio sanitario algún e baseándose só na súa lista de amizades.

Esta actuación trascende tódolos límites aceptables de desvergoña política e supón unha inaceptable falla de respecto pola saúde de todos aqueles que poidan precisar mascarilla.

Son moitos os que as buscan sen atopalas e poden quedar sen ela ao non acharse na lista de preferencias do concelleiro que se adica a especular buscando un miserable beneficio político, polo tanto, que non recibirán do Concello este elemento de protección que lles pode resultar imprescindible para a protección da súa saúde.

Ante semellante desfachatez, esiximos ao alcalde Fumega que tome medidas inmediatas co cese fulminante do que é o seu segundo e que semella pensar que está por riba do ben e do mal e que pode decidir quen ten dereito a recibir mascarillas e quen non. Asemade insístimolle ao alcalde na necesidade de comezar a tomar medidas reais dende o Concello do Carballiño mercando 30.000 mascarillas para repartir entre toda a poboación e non só entre os amigos dos concelleiros.

O Carballiño, 08, Abril de 2020. Asdo: Grupo Municipal de Espazo Común no concello do Carballiño.