Do Cine Club Carballiño sobre a convocatoria de subvencións a actividades culturais
O Cine Club Carballiño considera que a convocatoria de axudas para desenvolver actividades culturais que fai o Concello do Carballiño e unha falta de respecto ao traballo que as asociacións culturais do pobo fan ao longo de todo o ano.
En primeiro lugar, consideran que o concelleiro Rodrigo González, responsable da área de Cultura, en ningún momento se dignou a consensuar as bases desta convocatoria coas asociacións, a pesar do intento de varias delas por manter reunións ao respecto. O Cine Club considera unha demagoxia e falta de seriedade que o concelleiro presente a mesma nos medios anunciando que se mellora o orzamento do ano pasado, cando na anterior concedéronse axudas por máis de 14.000 euros e este ano ten un orzamento que non chega aos 9.000.
En segundo lugar, a convocatoria chega, un ano máis, tarde, case sen tempo para poder presentar proxectos, con prazos que non se poden cumprir (o propio concello ven de amplialos), o que é unha mostra máis da falta de interés por parte do concello á hora de apoiar a actividade que desenvolven as asociacións de xeito desinteresado, sen ánimo de lucro e moitas veces con dificultades orzamentarias para levalas a cabo.
Por último, a directiva do Cine Club quere manifestar o seu rexeitamento ás bases desta convocatoria, xa que considera que carecen de obxectividade. Hai moitos apartados nos que a valoración non é crara e nunca se establece nelas unha relación entre a puntuación obtida por unha asociación e o importe da axuda concedida. Esta decisión vai ser tomada por un órgano colexiado con un perfil político (un técnico de cultura, o alcalde e o concelleiro) polo que o resultado vai estar condicionado sen dúbida por cuestión ideolóxicas e clientelares antes que por cuestión técnicas, como debería ser ao tratarse de cartos públicos, e polo tanto, de todos os cidadáns e cidadanas do Carballiño.