Do Partido Popular sobre as Festas Patronais

16, Setembro 2017

Na praza da Veracruz, esa praza que todos os veciños e veciñas conseguimos que se realizara para desfrute diario e protección do noso templo, xoia arquitectónica do Concello do Carballiño, estase a ver nestes días, unha acumulación de trailers, e grúa, todos eles de gran tonelaxe para a instalación de diversas barracas para as Festas do San Cibrao.
A ninguén se lle escapa varias incógnitas ou preguntas sobre a idoneidade ou non do lugar para esta actividade ou mesmo sobre a seguridade destas instalación principalmente as que se colocan en terra, nun espazo, onde os usuarios habituais se debaten sobre si se pode ou non xogar á pelota, se poden ou non andar os cans soltos, resulta que o que ven e que se pode instalar calquera artiluxo, e non pequeno, tanto na pedra como na zona verde da praza.
Ninguén dubida de que as atraccións cando esteen en funcionamento entrarán polos ollos de todo o mundo como algo atractivo, pero como veciños e veciñas do Carballiño, seguro que veremos máis ala e farémonos preguntas, das cales, alomenos algunhas cuestións xa vimos de exporllas por escrito ao Equipo de Goberno do Psdeg O Carballiño e que transcribimos aquí:

Se procure un aval de garantía aos promotores desta actividade para emendar calquera dano nos lugares de instalación, en caso de que se produzan.

Solicitamos copia de forma urxente de informe técnico validado polo Concello para estas instalacións, tanto de funcionamento como de estabilidade no terreo (especialmente as que se sitúan en zona de terra).

Se certifique tecnicamente o sistema de apoio destas atraccións, principalmente na zona verde, que non só é céspede, senón que ademais é terreo de recheo.

Se protexa convenientemente o Templo da Veracruz, para evitar que ao seu carón se fagan necesidades fisiolóxicas e mesmamente o botellón.

Información sobre o feito de que non se executara un perímetro de seguridade para esta instalación e sobre a existencia ou non de técnico responsable do montaxe.

Información sobre o procedemento de cesión de parcelas privadas para o uso de atraccións de feiras.(co fin de saber si entraría no seguro de responsabilidade civil do Concello ou non).

Se nos indique ao respecto destas actividades na praza da Veracruz, onde acaba a responsabilidade da Comisión de Festas e onde empeza a responsabilidade do Concello.

Na planificación das Festas Patronais deste ano, estivéronse vendo varias contradicións e desencontros entre membros do grupo de goberno, pois cronoloxicamente pasou o seguinte:

1) Anuncian programación e non saben si vai ou non as barracas no centro ou na Avda. do balneario. (a dúbida era clara por razón de que no entorno da praza de Irmáns Prieto, non entraba o de anos atrás por as pedras en forma de bancos que se colocaron meses atrás).

2) Cando o Concelleiro de Turismo Carballiño lles afirma aos veciños de Avda. de Balneario que as atraccións van para a súa rúa, xerando de novo malestar entre estes veciños, o mesmo día o Alcalde en reunión no concello lles di que non, que seguirán no Centro.

3) Ao mesmo tempo, cando o Alcalde afirma que quedan as atraccións no centro, busca consenso en xunta de portavoces e afirmaba que o Concello de forma excepcional este ano e para non entrar en polémicas co responsable das atraccións, poría máis cartos das arcas municipais para que as festas non entraran en déficit, e si tiñan que traer menos que trouxesen menos, pero que se adaptasen ao espazo que temos e que incluso non viñesen os postos do mercadillo que se viña poñendo os derradeiros anos en Curros Enríquez, que xeraban polémica polas súas condicións infrahumanas e falsificacións.

4) Ao final, resulta que a praza da Veracruz é a solución tanto para as barracas como para os postos de mercadillo, a cal por suposto que non se nos consultou (nin o esperábamos) pero que tal como se nos consultara o de aportar máis por parte do concello, igual tamén puideron consultar esta derradeira solución.

Dito isto, só esperamos que todo o mundo desfrute das Festas do San Cibrán, onde votaremos de menos os fogos de luces de artificio na Praza da Veracruz, que se trasladan para a entrada do Parque Municipal onde teñen menos espazo para a súa contemplación e existe unha masa forestal con amplo material combustible, e tamén, daranos pena non ver certos concertos de corais e bandas que se planificaran inicialmente no anfiteatro da Veracruz e que son trasladados a outros puntos menos apropiados para elo.
Por certo, outro ano máis nos temos que esquecer da tradición do concurso de gando.

Asinado: Grupo Municipal do Partido Popular no Concello do Carballiño.