Do PSdeG-PSOE de Leiro: ao alcalde de Leiro non lle importa que a veciñanza teña un bo acceso a internet

24, Xaneiro 2020

O PSdeG-PSOE denuncia publicamente que o alcalde de Leiro “lle importa máis ben pouco ou nada” que a veciñanza do Concello teña un bo acceso a Internet e se asente poboación. O motivo principal é que o grupo de goberno do Partido Popular, co alcalde Francisco José Fernández a cabeza, retirou da orde do día do pleno do vindeiro luns día 27, unha moción do grupo municipal socialista na que se pedía a mellora da cobertura móbil e de Internet no municipio. Un feito ante o que o PSdeG na localidade “non da creto” e que amosa “a falta de miras e de futuro do grupo de goberno do Partido Popular”.

A deficiente cobertura das tecnoloxías da información e comunicación convertéronse nun problema grave en Leiro e por elo os socialistas pretendían debater no pleno do Concello unha moción na que pedían realizar tódalas xestións pertinentes diante das administracións públicas e as empresas operadoras de telecomunicacións para rachar dunha vez con todas con este problema e mellorar a cobertura tanto móbil como de Internet. “A resposta que obtemos ante un problema que afecta a veciñanza de Leiro e impide un mellor desenvolvemento das novas tecnoloxías é a de non entrar na materia e deixar todo no estado no que está o do abandono e as graves deficiencias de cobertura que nos atanguen”, explica o voceiro socialista Manuel Rodríguez.

Dende o Grupo Municipal Socialista pretendían solucionar a través desta moción a fenda dixital reinante no municipio e que provoca que haxa fogares que teñan dificultades e que incluso non teñan a posibilidade de realizar unha simple chamada telefónica. “A tecnoloxía está avanzando a pasos axigantados, e estes cambios tecnolóxicos están separando as poboacións urbanas e rurais, algo o que Leiro non é alleo e sabemos de primeira man os problemas que sufrimos debido a esta fenda”, sinala Rodríguez.

Problemas de cobertura que afectan tamén o problema do despoboamento e que impiden que moitas persoas fixen a súa residencia en Leiro, ante a falta de acceso as novas tecnoloxías. “En Leiro temos un grave problema co despoboamento, pero comprobamos que o Partido Popular non lle preocupa para nada a situación e non poñen medidas para frealo como ben podía ser solucionar o tema da cobertura móbil, algo que facilitaría as comunicacións e permitiría fixar nova poboación”, destacan dende o PSdeG-PSOE no municipio.

Para os socialistas de Leiro “é grave que un obxectivo común” como é o de eliminar a fenda dixital “non se teña en conta por parte do grupo de goberno” e sinalan que esta situación provoca que “non teñamos as mesmas oportunidades laborais, de formación, de emprendemento e de ocio que outros concellos”. O voceiro do PSdeG-PSOE no municipio é contundente a hora de expresar o seu malestar pola decisión do PP de non debater a moción “esta é unha nova mostra de que o Partido Popular non lle interesa o futuro de Leiro, atraer nova poboación e dar uns servizos dignos a poboación que é o obxectivo principal de calquera concello”.