Do PSdeG-PSOE de San Amaro pola tala dun freixo de 60 anos en San Cibrán de Lás

17, Abril 2018

O PSdeG-PSOE no Concello de San Amaro queren trasladar o malestar que lles fixo chegar a veciñanza de San Cibrán de Las despois de que a deputación provincial decidira cortarlles o freixo de 60 anos que había ó pé da igrexa, sen explicarlles os motivos. Os socialistas entenden que esta incomprensible acción foi levada a cabo a instancias do alcalde do San Amaro, quen, en última instancia, é o responsable de solicitar da institución provincial que acometan as podas e cortas no termo municipal. O freixo, árbore autóctona de Galicia, estaba illado e era singular para os e as veciños/as de San Cibrán porque fora plantado polos nenos da aldea hai uns 60 anos, despois de que se cederan uns terreos particulares para uso da escola da época. Hoxe en día eses terreos úsanse como aparcadoiro das persoas que acoden ás celebracións relixiosas e o freixo era coñecido pola boa sombra que aportaba. Dáse tamén a casualidade, sinalan desde o PSOE, que a árbore estaba a 7 metros da estrada, polo que ó tratarse dunha especie frondosa caducifolia, non contraviña a normativa autonómica vixente.

“Polo que nos indican os e as veciños/as do lugar, non había problema algún co freixo histórico e por parte dos operarios da deputación que efectuaron a corta,
non lles deron explicacións convincentes, salvo que facían o que se lles pedira. En cuestión dun par de días pasaron de ir facer unha poda simple a volver ó sitio e levar por diante a árbore enteira. A veciñanza non entende as razóns que os levaron a este cambio de criterio e, por suposto, non saben nada do alcalde quen ten a responsabilidade de velar polo patrimonio natural do concello”, sinalan desde o grupo socialista. O desgusto pola perda do freixo é máis que xeralizado e por iso lle trasladaron ós socialistas o caso, para que reclamen explicacións ó alcalde por tan desafortunado atentado contra unha árbore que, ademais, non é moi habitual na provincia de Ourense.

En cambio, denuncian desde o grupo municipal socialista, hai, non moi lonxe do lugar dos feitos, unha zona inzada de piñeiros, especie que coa que si que hai que por especial coidado nos metros de distancia (10 metros en caso de plantacións ó pé dunha estrada) e ós que a deputación nin lles tocou. Neste caso ademais, hai que ter en conta o risco que supoñen tanto a nivel forestal, pola propagación do lume, coma pola altura e dobradura que alcanzan as súas pólas e, sen embargo, a pesar de ter pólas enriba de curvas pechadas, non tiveron orde de poda nin de corta. De feito, recalcan desde o PSOE municipal, esta plantación nin respecta os metros ós que obriga a normativa nin o sentido común ó estar ó pé mesmo da estrada.

Desde o PSOE cuestiónanse polas razóns que levan tanto ó goberno do concello como á deputación a perpetrar este agravio comparativo entre dúas zonas. “Preguntámoslle directamente ó alcalde se facer estas diferenzas entre árbores e plantacións non terá que ver coa propiedade duns terreos e doutros?”, indican os socialistas, “hai unha dobre vara de medir segundo sexan os casos e iso non se debe permitir. Os veciños están moi molestos con esta decisión de deitarlles abaixo o seu freixo, sen que ninguén tivese a decencia de lles ir explicar as razóns. Xogan co patrimonio natural ó seu antollo, coa singularidade da árbore que non molestaba a ninguén, coa historia compartida e liquidan o pasado e mailo futuro coas súas decisións caprichosas”.