Do PSdeG sobre "a chapuza" do asfaltado das fochancas con formigón nas estradas e camiños do rural.

30, Xaneiro 2015

O PSdeG considera unha auténtica chapuza o asfaltado das fochancas que nestes días emprendeu o goberno de Marnotes nas estradas e camiños do rural.

Unha vez máis Marnotes amosa a súa técnica de solucionar todo con parches, xa que os traballos consisten en tapar as fochancas con formigón, e só os buratos máis grandes, en lugar de repoñer a totalidade do firme.

O goberno de Marnotes retrasou durante todo o ano estas obras poñendo como escusa o mal tempo, e deixando durante meses que os pequenos buratos se fosen convertendo en grandes fochancas e en auténticos estanques de auga coa chegada das choivas, facendo que moitas estradas do rural parezan máis propias da posguerra.

A solución a esta situación, denunciada por moitos veciños e colectivos do rural, chega tarde e mal, xa que o recheo das fochancas con formigón é un parche temporal. É unha nova mostra do desinterese de Marnotes polo rural e da súa desvergoña, que levou incluso a moitos veciños a ter que limpar eles mesmos a maleza no verán ante a falla de atención do Concello.

Por elo, o PSdeG reclama ao goberno do Carballiño que repoña o asfaltado nas estradas do rural onde é necesario en lugar de facer recheos, e que deixe de insultar á veciñanza dos núcleos rurais e de tratalos como cidadáns de segunda, que é o que leva facendo estes catro anos.