Do PSdeG sobre o alcalde de Leiro

16, Maio 2016

O pasado 28 de abril, os socialistas de Leiro, solicitamos unha serie de documentación para poder fiscalizar e exercer o seu labor de control do grupo de goberno do PP de Leiro, socilitude que só recibiu resposta no día de onte, 13 de maio, a sabendas de que están a cometer unha ilegalidade, posto que a Lei de Bases de Réxime Local, establece un máximo de 5 días para emitir resposta.

Entre as peticións realizadas, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro, solicitou a revisión dunhas facturas duns traballos realizados uns días antes das Eleccións Municipais do ano pasado, casualidade temporal que aos socialistas lle resulta, cando menos, extraña. De todos os xeitos, o que máis fai desconfiar ao Partido Socialista, das intencións do goberno do PP, é a resposta recibida á solicitude para coñecer a canto ascenden os custos xudiciais do proceso, dende o seu inicio, para as novas instalacións do Balneario de Berán; gastos cos que corren as Arcas Municipais do Concello.

A resposta recibida, por parte do Alcalde, é que descoñecen, nestes momentos, a canto ascenden a totalidade dos gastos realizados, porque seica hai servizos que aínda non foron facturados polos letrados que levaron os pleitos. A contestación recibida, a teor dos socialistas de Leiro, trátase dunha auténtica tomadura de pelo, tanto cara á oposición coma para os veciños e veciñas de Leiro, que son os que, verdadeiramente están a correr cos gastos xurídicos.

Dende o Partido Socialista, consideran moi sospeitoso que os letrados aínda non facturaran ao Concello polos traballos realizados e que leven tanto tempo sen cobrar os seus honorarios; polo que amosan, os socialistas, unha desconfianza lóxica cara á xestión do goberno do PP, neste proceso. A actitude do rexedor municipal, da a entender que quere ocultar algo sobre os gastos realizados, algo que non se pode permitir, ao tratarse de cartos públicos. Por todo o anteriormente mencionado, os socialistas de Leiro están a barallar e consultar cos servizos xurídicos do partido, a adopción de medidas legais ao seu alcance para evitar que se cometa unha ilegalidade. Os socialistas acudirán á Xustiza e á Fiscalía, se así o consideran necesario, para aclarar este tema, xa que estamos a falar dos cartos públicos de todos os veciños e veciñas do Concello de Leiro.