Do PSdeG sobre o mal estado das estradas do rural no concello do Carballiño

18, Abril 2015

O Grupo Municipal do PSdeG do Carballiño denuncia o mal estado de estradas e camiños de acceso en núcleos do rural, xa que moitos deles seguen repletos de fochancas a pesar das peticións veciñais para o seu arranxo. Critica o desleixo e desprezo de Marnotes á veciñanza do rural, ao ter totalmente esquecidos aos núcleos de poboación a pesar de que moitas destas estradas presentan un aspecto lamentable e fanse practicamente intransitables.

O PSdeG recolle así o malestar de moitos veciños do rural, e en concreto faise eco das queixas dos veciños do Penedo, en Partovia, que teñen o acceso dende A Solana ao núcleo de poboación co firme totalmente deteriorado, repleto de fochancas e nas que o máximo que se fixo dende o Concello foi poñer remendos de cemento que están en pésimo estado.

Este camiño non só é utilizado polos residentes neste núcleo do rural, senón que é moi transitado a diario por moitos carballiñeses que pasean por esta zona a pé ou en bicicleta, e que tamén teñen expresado o seu malestar polo mal coidado que se atopa o camiño, polo que se fai difícil circular sobre todo en días de choiva, xa que se forman grandes charcos.

A veciñanza do rural sofre así unha vez máis o escaso interese deste alcalde e do seu goberno, xa que en catro anos Marnotes tivo ao rural completamente esquecido, incluso no máis básico como é a limpeza e asfaltado de accesos aos núcleos de poboación.