Do PSdeG sobre a situación económico-financieira do concello de Piñor.

9, Agosto 2016

No día de onte aparecía unha nova, moi preocupante, na prensa galega: a listaxe dos Concellos que van pasar a ser tutelados pola Xunta de Galicia debido ao seu déficit financeiro.

Ata un total de 46 Concellos da nosa Comunidade, incumpriron, no peche do exercicio do ano pasado, o teito de gasto imposto polo goberno central e son incapaces de continuar pola senda marcada da estabilidade financeira, é dicir, gastan máis do que ingresan. Entre estos Concellos está o de Piñor, tal como reflicte a noticia referida.

O que vén a indicar tal noticia é que o Concello de Piñor debe presentar un plano de axuste económico-financeiro, apertar o cinto e quedar baixo a tutela financeira da Xunta. O PSOE de Piñor, hai xa uns cantos meses, avisou desta situación, unha vez analizaron o estado de liquidación do orzamento do ano pasado e alertaron da posibilidade de que o Ministerio de Facenda intervira na situación, coma agora fixo, corroborando os malísimos datos económicos sobre os que os socialistas alertaran.

O actual goberno de Piñor, xa que logo, non cumpriu cos principios da estabilidade orzamentaria aos que obriga a lei, nin coa regra de gasto e, aínda por riba, presenta un resultado de liquidación dos orzamentos, moi negativo (uns 140.000€ máis de gastos ca de ingresos) e cun remanente de tesourería, que tamén arroxa un saldo negativo.

Así mesmo, aínda por enriba, págase máis tarde ca nunca ós provedores do Concello, superando, con moito, os 100 días de período medio de pago. Os socialistas agardan que o actual goberno bipartito (PP-Veciños de Piñor) teña a pouca vergoña de culpar á herdanza recibida destes pésimos resultados da súa xestión económica; nembargante, dende o PSOE de Piñor, amósanse tranquilos posto que a liquidación do último goberno socialista foi máis que positiva, cumprindo coa regra de estabilidade tanto no tocante ao gasto coma no resultado orzamentario e no remanente de tesourería.

Os actuais gobernantes de Piñor, destacan os socialistas, van ter moi difícil xustificar o seu descontrol e desgoberno botándolle as culpas ós demais, posto que as cifras e as contas falan por si propias. Fronte a unha xestión económica impecable e positiva dos socialistas, o actual goberno de Piñor ofrece unha xestión pésima, digna de aparecer nos xornais. Dende o PSOE de Piñor, queren lembrar as insidias que tiveron que aturar durante a campaña electoral do ano 2015, cando dende o PP e dende VdP, non contaban máis ca contos sobre unha suposta desidia na xestión económica. Fronte aos contos das municipais, o tempo e os papeis ofrecen datos contrastados e contas claras.

Tal como destacan os socialistas de Piñor, ata o de agora, o novo goberno só ofrece propaganda e festexos, contos e verbas que leva o vento, namentres que os papeis sosteñen unha verdade moi distinta que lles encantaría agochar.