Do PSdG-PSOE, sobre as festas de San Cibrao

31, Agosto 2012

Dende a Agrupación Local do PSdeG-PSOE do Carballiño queremos manifestar o desinterese e improvisación que posúe o Grupo de Goberno polo programa presentado para as Festas do San Cibrao. Como ocorrera na pasada edición, o cartel de actividades que se desenvolerán nos nosos festexos semellan máis o dun pobo menor e non o dunha vila que sempre apostara por organizar unha programación acorde á tradición. Cun orzamento semellante a outros núcleos de moita menos entidade, o goberno do Partido Popular fai reflexar na organización deste evento a mesma actitude que demostra na xestión municipal que está a conveter a Carballiño nunha entidade menor que xa non é referente para case nada. Comezando polo retraso na súa organización, a actitude do alcalde que toma as súas vacacións nas datas de maior relevo social desta vila, a falta de implicación por parte das concellerías municipais ou mesmamente a falta decidida de dedicación, fan que este ano as Festas do San Cibrao toquen fondo e pasen a ser as quintas ou sextas festas parroquiais desta Comarca.

De tódolos xeitos, si creemos importante, e así queremos manifestar, resaltar o traballo voluntario dos membros da Comisión e tamén da organización da Feira de Artesanía, pois consideramos que estes voluntarios bastante teñen co peso que se lles bota encima agravado pola falta de implicación do Concello. Por iso mesmo esiximos dos nosos gobernantes que se poñan man á obra e que apoien á Comisión para incrementar o presuposto e o contido das actividades dos festexos con maior participación e calidade do programa.

Dende esta Agrupación preguntámonos polo presuposto presentado onde se baralla un investimento de 60.000 euros, dos que 33.000 xa son aportados das arcas municipais e outros 22.000 polo aluguer do espacio público para as barracas. Dita pregunta é si os 5.000 euros restantes corresponden a toda a recadación do comercio e hostelería, a publicación do libro de festexos e a aportación voluntaria que fan os veciños da nosa parroquia. Con este orzamento preséntase un programa onde non se contrata unha orquesta de relevo no panorama musical, algunha actuación ou calquera agrupación ou conxunto que destaque en algo, ben sexa para o público infantil, xuvenil ou para maiores. Do mesmo xeito que acontece con outras actividades culturais con tradición histórica neste concello, ou como cásique todo o que xestiona o goberno do Partido Popular, moito nos tememos que os vindeiros festexos serán a consolidación do fenecemento do San Cibrao que comezara o pasado ano. Baixo a lei do mínimo esforzo, o alcalde do Carballiño está a deixar morrer definitivamente, ademais do San Cibrao, actividades como as Xociviga ou o Festival de Teatro Galego, dous dos referentes culturais deste pobo en toda Galicia.

Coa inexistencia de concellerías de tal importancia como a de Turismo e a de Cultura, o alcalde do Carballiño está a deixar que poboacións como Cea, Maside, Dacón e outros núcleos de moito menor relevo organicen unhas festas de moito maior calado que xa desprazaron a Carballiño como a referencia comarcal neste tipo de eventos. Resúltanos ante todo chamativo que se barallen uns presupostos semellantes nestes pobos, que só ten unha explicación na desidia e falta de traballo por parte do Grupo de Goberno que abandoa a xestión e apoio destes programas en detrimento dos intereses de Carballiño e os seus veciños. Dende esta Agrupación reclamamos que o alcalde deste Concello tome as rendas e comece a gobernar porque moito nos tememos que cada mes vencido vaise abandoando a xestión dun programa ou dunha área concreta.