DO PSdG sobre a "incongruencia" do alcalde

3, Xullo 2013

A incongruencia  cada vez  máis frecuente exercida polo alcalde do Carballiño,o señor Marnotes, parece non coñecer límites e sumou o pasado venres un novo episodio.

   Dende o Grupo Municipal Socialista xa denunciamos en incontables ocasións a “bipolaridade” do rexedor, moi dado a cambiar de opinión e criterio con toda facilidade en función dos seus intereses e sobre todo do lugar onde se atope. Así pois xa son varias as veces nas que defende unha postura na nosa vila e outra moi diferente cando pisa o Pazo Provincial e recibe ordes do clan Baltar, as cales acata sumisamente.

   No último pleno provincial esta  realidade quedou novamente de manifesto  durante o debate da moción presentada polo PSdeG-PSOE para a creación dunha comisión dos concellos da nosa comarca para axilizar todo o posible a reapertura do matadoiro, pechado dende o mes de Setembro.

   Para sorpresa de todos os alí presentes, traballadores do servizo incluidos, o alcalde do noso Concello, saltándose sen miramentos a súa principal obriga que é a de defender os intereses dos seus veciños, posicionouse en contra de dita proposta e tanto il como os seus compañeiros de partido a  botaron por terra.

    A actitude de Argimiro Marnotes neste caso é unha evidencia máis do seu pouco compromiso coas  xentes do Carballiño, pois leva dez meses xogando co sustento e futuro dos 9 traballadores adscritos ao servizo e coa economía de todos os carniceiros que ven como a situación de inactividade do matadoiro perxudica seriamente a súa economía e porvir.

    Como excusa, esta vez, alegou que non precisa apoio para solucionar este grave problema, dando a entender que il se basta e se sobra para arranxalo, algo que xa ninguén cre, despois de 10 meses de continuas mentiras e incumprimentos con uns e con outros.

    O alcalde do Carballiño tivo, por enésima vez,  a desfachatez de fixar un novo prazo para desatascar o conflicto, e tendo en conta que xa é a cuarta vez que o fai, (primeiro ía ser en Novembro, logo Decembro, logo Marzo…), o único que consegue é deixar a súa credibilidade á altura da súa capacidade política e de xestión, é dicir, polo chan.

    Temos que subliñar tamén que dende o noso Grupo imos a facer un exhaustivo seguemento do proceso e non imos a consentir que esta nova data aportada polo alcalde se convirta nunha mais da súa longa colección de mentiras.