Do PSdG sobre o Museo Etnográfico do Río Arenteiro

5, Xullo 2013

Dende o Grupo Municipal Socialista no Concello do Carballiño queremos facernos eco da denuncia efectuada por un veciño da nosa vila no día de onte sobre o estado de abandono das instalacións do Museo Etnográfico sito no Parque Municipal; máis concretamente os coñecidos muíños á beira do Arenteiro.

Este veciño, que ao mesmo tempo é un dos doantes do propio museo, denunciou o feito de que as intalacións permaneceron abertas sen vixianza ningunha durante toda unha tarde a expensas de que se poidan producir expolios e danos no noso patrimonio cultural. O doante, comprobou atónito como mesmo se podía ter acceso a contas e documentación pertencente á xestión dos muíños sen ningún tipo de impedimento. Así mesmo, comprobou coma o inventario da vaixela existente nunha das salas e que foi doada ao museo, non se corresponde coas existencias alí presentes; podendo facer calquera a comprobación do mesmo.

Denunciamos a desidia amosada polo grupo de goberno municipal cara un ben cultural e turístico ao que non se lle presta atención nin se atende a súa xestión e rendemento. De feito, é imposible coñecer con exactitude os datos de recadación e xestión do propio museo nos dous últimos  anos de goberno popular. Puidemos comprobar in situ como todas as casas que forman parte do complexo permanecen abertas sen seren vixiadas por persoal do Concello algún e por suposto, a importancia que este goberno lle da ao patrimonio cultural é tan escasa que non se procura aos visitantes persoal que os guíe e informe nas súas visitas. Ao mesmo tempo, o entorno ofrece unha imaxe desoladora, coma así xa denunciamos no pasado, onde a limpeza de maleza non se efectou en ningún intre e menos de cara ao verán que é cando máis potenciais visitantes poden ter os muíños. Así mesmo, o interior das instalacións adolecen da mesma falta de limpeza e coidado. Trátase dun caso alarmante e non temos que lamentar máis perdas ou danos grazas a que o público e visitantes si amosan un respecto polo noso patrimonio cultural que os nosos gobernantes non, en ningún caso.

Esiximos deste goberno municipal e , nomeadamente, das súas áreas de cultura e turismo que actúen inmediatamente comprobando o estado dos muíños asi coma das pezas doadas por veciños/as xenerosos/as como contributo ao patrimonio colectivo e procuren o establecemento de vixianza e control das instalacións. Se , pola contra, consideran que non paga a pena adicar o seu tempo ao coidado e posta en valor dos nosos bens culturais, polo menos, pregamos que pechen as instalacións para protexelas de posibles roubos ou danos e garantir que as vindeiras xeracións poidan coñecer o noso pasado e cultura propia.