Falta de limpeza na rúa Pasaxe Fardel, con ratas na rúa e nas casas

6, Xullo 2020

Son unha veciña do Carballiño que ten a súa casa que dá,pola parte de atrás ao camiño pasaxe Fardel.Levamos unha tempada en que non ganamos para veleno para as ratas, que supoño virán do alcantarillado, e que campan ás súas anchas polo camiño e polos nosos sótanos, co conseguinte risco que isto supón, pois todos sabemos que son transmisoras de enfermidades.

Eu mesma me acerquei ao concello e falei con alguén que leva o de medioambiente.Dixéronme que irían desratizar por alí, pero disto xa debe haber dúas semanas polo menos que non vin movemento ningún.Porén, aínda esta mañá vin unha rata que cruzaba dun terreo que está detrás da miña casa e que está cheo de maleza,o cal favorece a propagación destes roedores.Sobre este asunto tamén falei no concello coa persoa anteriormente citada responsable, creo,de medioambiente, quen me respondeu que ese terreo, que pertence hoxe a unha inmobiliaria,que é Aliseda,porque hai un letreiro ben grande que así o indica,aínda ten de prazo ata o día 17 deste mes para proceder á limpeza da maleza e, polo tanto, hai que esperar ata esa data para ver se o fan.

Despois imaxínome que procederá o concello á limpeza da finca,e pasaralle a factura ao "propietario" Todo isto último é verdade,pero polo camiño que citei antes,Pasaxe Fardel, tamén hai silvas,e iso correspóndelle ao concello.O outro día viñeron limpar polas beiras da rúa dos Carboeiros,e non o fixeron por este camiño.Non sei se estarán esperando a que limpen primeiro na finca que dixen antes, para despois proceder á limpeza do camiño, pero, digo eu que, de paso que facían a limpeza da rúa dos Carboeiros, tamén podían limpar por aquí. Así que nada, entre ratas e silvas, estamos por aquí como queremos.Parece que os que vivimos por aquí non pagamos impostos como os demais e non temos dereitos ningúns. O problema das ratas non debe ser só aquí, pois hai quen di que as ve cruzar pola estrada de Pontevedra, que queda polo outro lado da miña casa.