Inacción Municipal
En O Carballiño, a 02 de xaneiro de 2026
Á atención de Francisco José Fumega Piñeiro e José Rafael Castro-Gil Seijas, ó que lle corresponda:
É NORMAL LEVAR 3 MESES SEN ALUMEADO PÚBLICO NUN POBO DO CONCELLO DE O CARBALLIÑO?
É frustrante que, en pleno ano 2025, agora xa 2026, leve 3 meses sen alumeado público diante da miña casa, sendo a estampa que nos atopamos ó saír á rúa durante a noite de total escuridade, agás nas noites de lúa chea que temos luz natural.
E non será por non avisar, tanto verbalmente coma mediante o rexistro electrónico do Concello.
Na tarde do 30 de setembro, sospeitamos que un vehículo de grandes dimensións, arrincou o tendido eléctrico e a “farola” do poste situado a altura do nº 46 de Mouriz. Unha vez avisados, axiña acudiu a Policía Local e persoal do Concello para proceder á retirada dos elementos caídos que se atopaban tirados na vía pública, manifestando o traballador municipal que acudirían no seguintes días para reparar a “farola”.
Pasadas varias semanas sen que ninguén acudise, presentamos instancia no rexistro do Concello solicitando que se reparase a “farola”, polo risco que supón para as persoas a súa ausencia, ó ser unha zona urbana de transito de viandantes e un elevado número de vehículos, carecendo de ningunha outra fonte de iluminación que proxecte algo de luz nesa zona.
Ante a inacción municipal, reiteramos a demanda, pola mesma vía, en sucesivas ocasións, sen que, a día de hoxe, se procedese ó arranxo da luminaria, nin se contactara dende o Concello cos veciños afectados para interesarse pola situación.
É incrible que, unha incidencia tan sinxela coma o arranxo dun farol da iluminación pública, se tome con tanto desleixo por parte do Concello de O Carballiño, e, como máximos responsables, do grupo de goberno municipal. Queda pouco máis de un ano para as vindeiras eleccións municipais. Supoño que as formacións políticas do grupo de goberno quererán manter ou mellorar o resultado electoral obtido no 2023, mais, como non empecen a prestar atención a estes pequenos detalles que afectan ós veciños, augúrolles un futuro moi negro, tan negro coma a escuridade que me atopo tódalas noites ó saír da miña casa.
Sen outro particular, desexarlles un bo inicio de ano.
Atentamente, Alfonso Vázquez
Un veciño de Mouriz

