Intolerables condicións de mantemento e limpeza no colexio de Leiro

24, Xuño 2016

Os Socialistas de Leiro queren expoñer perante a opinión pública, a cidadanía en xeral e a veciñanza en particular, a lamentable situación do colexio público Emilia Pardo Bazán de Leiro. O Grupo Municipal Socialista e, nomeadamente, o seu Portavoz, Manuel Rodríguez, recibiron numerosas queixas dos pais dos nenos e nenas que alí reciben aulas, ante a preocupante situación. A falta de limpeza, tanto exterior coma interior, é alarmante, producindo un grave risco para a saúde pública e para o benestar dos meniños e meniñas que alí acoden diariamente.

Por outra banda, os socialistas, fanse eco da falla absoluta de mantemento das instalacións educativas por parte do Concello e da Xunta de Galicia, última responsable das mesmas.

En verbas do Portavoz: “Dende o Grupo Municipal Socialista de Leiro, queremos destacar a desidia, desleixo e pouca sensibilidade do Alcalde, quen segue de xira turística para asegurarse un posto no Senado nos vindeiros comicios xerais, namentras os nenos e nenas de Leiro teñen que padecer as lamentables condicións do centro escolar. Os rapaces e rapazas están a sufrir o pasotismo deste señor máis preocupado polo seu futuro político e, sobre todo, económico, que polo benestar xeral do Concello.

O Alcalde está, continuamente, a desatender as súas obrigas coma máximo xestor municipal e non é merecente da confianza que nel depositaron os veciños e veciñas”. Cómpre destacar que hai unha empresa, en réxime de concesión, que recibe do erario municipal uns 58.000 €, pola limpeza viaria e dos edificios municipais, por un periodo de 18 meses, tendo en conta que pode haber prórrogas e modificacións ao respecto.

As funcións desta empresa inclúen a limpeza do colexio, de luns a venres, nos meses de actividade escolar, despois do horario de clases; o que vén a incluír o varrido dos corredores, escaleiras, aulas, oficinas, baños e laboratorio, así coma o fregado semanal das aulas, laboratorio e biblioteca. Do mesmo xeito, agárdase desta empresa que realice unha limpeza trimestral, alomenos, dos vidros das ventás e o varrido do ximnasio, unha vez ao mes.

Tal coma destacan os socialistas de Leiro, esto non está a suceder, ben ao contrario, tal como se pode comprobar, hai un nivel de suciedade intolerable, tanto exterior coma interior, papeleiras que levan meses sen recoller e maleza inundando o edificio. Respecto do mantemento do edificio, é facilmente comprobable que se están a caer os azulexos e que as persianas non funcionan. Por todo esto, o Grupo Municipal Socialista de Leiro, esixe a limpeza inmediata da escola, así coma as tarefas de mantemento e solicita ao señor Alcalde que faga honra ao seu cargo e esixa os servizos polos que todos os veciños e veciñas de Leiro están a pagar.