O alcalde de Maside nega un local para celebrar unha reunión informativa

18, Abril 2016

O alcalde de Maside nega un local público para informar sobre o estado de instalación dunhas obras subcontratadas por Vodafone.

 

79 veciños de Maside afectados pola instalación dunha antena de telefonía móbil moi próxima ás súas vivendas, tiveron que celebar unha reunión informativa sufrindo as inclemencias do tempo, na Praza do Concello. Plataforma Masidá, colectivo que loitou en contra dunha instalación de incineración de neumáticos, solicitou o venres 8 de abril, un local a Casa da Cultura para celebrar unha reunión o día 16 de abril, á que estaban convidados todos os membros da Corporación. O alcalde non atendeu á petición do colectivo e non autorizou o uso do local. Con todo, unha semana antes celebrara unha reunión con media ducia de veciños, entre os que se atopaban os que celebraron o contrato mercantil coa operadora.

Desde Plataforma Masidá cualifican de surrealista a xestión dos responsables municipais. Lembran que unha concelleira do goberno socialista paseouse polas casas dos veciños afectados para reunir firmas en contra da instalación. Que o alcalde se comprometeu a paralizar a obra. Que non fixo nada e foi unha denuncia ante a Garda Civil a que paralizou a obra. Que as obras xa están case terminadas e que se invadiu unha leira privada, e encheuse unha vía pública para poder invadir a leira privada que dá acceso á leira onde se produciron as obras. E que o recheo foi restituído ao seu estado inicial presuntamente con diñeiro público.

Desde Plataforma Masidá manifestan que esta obra realizouse incorrendo en numerosos ilícitos urbanísticos, e que o Concello non desenvolveu o exercicio das potestades de inspección, control e sanción que lle son propias. Manifestan que xa denunciaron esta obra á APLU, e que probablemente a poñerán en coñecemento do Ministerio Fiscal.

Remitido.