O BNG solicita a creación dunha comisión de investigación sobre a xestión da auga e as responsabilidades políticas dos gobernos do PP en Cenlle
No pleno extraordinario e urxente celebrado hoxe, 13 de outubro, o grupo municipal do BNG de Cenlle solicitou oficialmente a creación dunha comisión de investigación para esclarecer a xestión da auga e determinar as responsabilidades políticas derivadas da débeda e sancións impostas a causa da neglixencia dos gobernos municipais do Partido Popular.
Segundo denunciou o BNG, o Concello de Cenlle foi sancionado por Augas de Galiza con máis de 236.000 euros despois do Concello aportar hoxe mais datos vemos que esta cifra vai incrementarse podendo pasar dos 300.000€ debido a que, desde o ano 2018, non ingresou o canon da auga recadado á veciñanza, malia figurar cobrado nos recibos.
O boletín informativo municipal xa recolle que a débeda real supera incluso esa cifra, acumulando xuros de demora e recargas que agora o actual goberno do PP pretende repercutir nos fogares do municipio. O portavoz nacionalista, Xosé Gabriel Alberte, subliñou que “non pode ser que tres alcaldes distintos do PP durante sete anos deixasen sen pagar o canon e que agora ninguén saiba onde foron parar os cartos que saíron dos petos da veciñanza”.
Por este motivo, o BNG considera imprescindíbel abrir unha investigación política, independentemente da vía xudicial aberta, para aclarar as posibles vinculacións e responsabilidades directas dentro do Partido Popular de Cenlle.
O BNG advirte que non abonda con depurar responsabilidades administrativas ou xudiciais: tamén é necesario asumir responsabilidades políticas, pois non é críbel que o equipo de goberno “non se enterase de nada” mentres se acumulaban débedas e sancións de tal magnitude.
“A cidadanía de Cenlle merece transparencia, verdade e reparación, non silencio nin escusas”, insistiu Alberte. O grupo nacionalista lembra que leva tempo advertindo da mala xestión do PP, que agora se traduce nun incremento do 5 % no recibo da auga e nunha carga adicional de 162 euros por fogar para facer fronte á multa. O BNG reitera que estes custes non deben recaer sobre a veciñanza, senón sobre quen provocou esta situación.
Finalmente, o BNG insta ao goberno local a:
Facer pública toda a documentación económica e contable relativa á recadación do canon da auga desde 2018.
Colaborar coa investigación penal e coa comisión política para esclarecer os feitos.
Garantir que non se repercutan na veciñanza nin xuros nin recargas derivadas da súa propia neglixencia.
“Non é só un problema económico: é unha cuestión ética e democrática. A xente de Cenlle merece saber onde foron parar os cartos que pagou”, concluíu o portavoz nacionalista.