O "brazo armado" de Maside

3, Xuño 2016

Aínda que non está no meu ánimo contribuir á alarma social, quixera  manifestar a inquetude que me produce a noticia que se coñecéu no último pleno municipal do Concello de Maside. Parece ser que existe un grupo armado que actúa no termo municipal infiltrado entre algúns veciños.
Como digo, a noticia saltóu no pleno, de boca do presidente da Corporación Municipal cando nunha das súas respostas á oposición ó remate da sesión, fixo referencia a un suposto "brazo armado político".  Aínda que temo pola seguridade pública, tranquilízame saber que os responsables municipáis xa tiñan coñecemento desta circunstancia, polo que supoño,  porían tódolos datos cos que contan ó dispor das Forzas e Corpos de Seguridade.
Coido que son de admirar as capacidades  para a obtención de información do grupo de goberno municipal, co seu líder ó frente, pois ninguén puido nunca sospeitar que nunha poboación apacible coma o meu querido Maside, tivéramos que enfrentarnos a esta situación.
Agradézolle ó noso alcalde, que fixera pública a existencia deste  grupo armado. Teña, meu rexidor,  a seguridade de que cada vez que iste xuntador de palabras saia á rúa, permanecerá ollo a vizor por ver de localizar algún dises elementos dos que vostede fala, e avisar con dilixencia ás forzas de seguridade. Hai que desarticular ese comando canto antes.
Quédanme aínda así algunhas dúbidas sobre este tema. Ó fin e o cabo, un humilde veciño non ten acceso á información que pode manexar o primeiro edil. Non obstante, se tivera a oportunidade, plantexaríalle ó noso alcalde algunhas cuestións:
¿Ese suposto "brazo armado", conta cun solo comando, ou estamos ante unha organización con varias ramificacións?
¿Debemos prepararnos en Maside para algún episodio inminente de "kale-borroca" vinculada con iste grupo?
¿Xa ten o Ministerio competente coñecemento desta sorprendente circunstancia?
Algún que outro dos seus veciños, polos avatares da vida, tivo que padecer a presión dun verdadeiro grupo armado. Tivo que sentir na súa caluga o alento envelenado da banda que mantivo a este país atemorizado nos case que corenta últimos anos. Sentíu moi próximo o salpicar do sangue quente de persoas achegadas. Pódolle asegurar que sobre esto non falo de oídas.
É por esto, estimado alcalde, que atribuir a aqueles que non concordan coas súas decisións, a condición de grupo armado, ou o que ven sendo, presuntos terroristas, suscita unha ringleira de respostas, que por suposto vou a obviar. Chámelle talante, mesura dialéctica ou simplemente, educación. Propóñolle que tome nota. Coido que a súa pasada de frenada califícase por sí mesma.
É moi posible que o Presidente da Corporación Municipal de Maside, esté mal acostumado. Somella que ata o de agora, ninguén cuestionara públicamente as súas decisións, e que cando algujén levanta un pouco a voz, adquire por libre designación a consideración de integrante de grupo armado.
Non teña medo, Don Celso, non hai caso. As únicas armas daqueles que se queixan das súas decisións son a adecuación á legalidade, a defensa de intereses xeráis que consideran xustos, e as cousas ben feitas.