O equipo B dos populares de Maside

3, Novembro 2017

Resulta que un novo candidato elixido a dedo polos herdeiros do PP de Maside, está a facer campaña política cunha antelación de máis de ano e medio ás eleccións municipais. O cal constitúe unha fraude electoral contra os votantes do PP, e un absoluto desprezo aos catro concelleiros que foron elixidos polo pobo de Maside, que deberían ser os que desenvolvan o seu labor de oposición ao Goberno municipal.

Entenderíase que o novo candidato representase ao PP de Maside se ostentase a representación legal, é dicir, a Presidencia. Pero a Presidencia segue en mans dun dos que lle nomearon novo candidato, un dos herdeiros do anterior alcalde. Parece que o novo candidato necesita da tutela do Presidente para  defraudar aos votantes do PP. A súa tutela, e a súa aprobación. Ata aquí todo correcto, pois é problema deles e son un pequeno grupo cuxo destino é ser condenado ao maior dos fracasos políticos.

Pero o que é absolutamente inaceptable e debe ser denunciado publicamente é que este personaxe se entrometa nos asuntos dunha Asociación de Pais e Nais de alumnos do CPI de Maside..

Señor novo candidato elixido a dedo polos herdeiros do PP de Maside: Vostede non é ninguén para interferir nos asuntos dun ANPA. Iso que nos quería colar na Xunta Reitora, desbaratado na forma e no fondo, léveo nas súas futuras listas ou onde teña vostede competencia, se é que ten algunha. E de paso leve vostede aos seus emisarios, coas súas ofrendas á Xunta Reitora, e coas difamacións inventadas polos seus achegados. Pero vostede non pinta nada nos asuntos dun Colexio. Ningún alcalde na Historia de Maside meteu os fuciños en asuntos que non son da súa competencia, nin tan sequera o pai dos que a vostede seleccionárono.

Pasou vostede de ser un perfecto descoñecido, a ser coñecido polo cartón de visita que deixou neste Colexio. Teña por certo que cando se abran os colexios electorais, os pais deste Colexio devolveranlle o cartón. A súa torpeza e a súa intromisión non serán esquecidas por moito que falte máis de ano e medio para que se abran os colexios electorais.

Por último, a súa idea de bombeiro de crear unha ANPA alternativa, fala moito da súa ignorancia. Poderá montar vostede unha Asociación de Pais do PP de Maside. Dese présa ou xa non haberá quorum suficiente.