O escudo do Concello do Carballiño, simboloxía e identidade.
Como cidadán do Carballiño interesado na preservación e defensa da simboloxía do noso concello, solicito a Restauración e posterior revisión do vello escudo do noso concello, mantendo a súa forma barroca e incorporando nel e de forma máis digna as "innovacións" heráldicas da actual versión (como o carballo co mesmo número de follas que parroquias ten o municipio, e a incorporación dos elementos acuáticos (auga/fontes) nunha paisaxe como no anterior escudo.
1. Defensa do escudo barroco:
- O antigo escudo, posúe liñas onduladas e marco decorativo de inspiración barroca, estilo artístico comprendido entre os séculos XVII-XVIII, momento no que O Carballiño consolidou o seu pequeno núcleo urbano e nos recorda o carácter moderno (tanto no sentido actual, como o referido á Idade homónima) da nosa vila.
- Este tipo de composición é única en toda a comarcae moi pouco común, o que otorga á nosa vila/concello dun símbolo ÚNICO, inconfudible e fácil de lembrar e distinguir visualmente, cousa que non pasa coas outras composicións heráldicas comúns que sofren moitísimo cando se minimizan en logotipos ou en selos municipais (pensemos nos documentos oficiais, taxas, multas, carteis festivos etc).
- As leis, recoñecen a protección da identidade gráfica municipal como parte do noso patrimonio inmaterial.
2. Pérdida de identidade e homoxeneización
- O novo escudo, cun escudo español estándar e unha coroa real clásica forrada de carmesí (a anterior era unha coroa sinxela, sen forro e elegante), podería valer para calquera municipio: carece de rasgos propios e dilúe a nosa personalidade colectiva.
- A supresión do marco barroco e a ornamentación naturalista (que ben podería readaptarse a follas de carballo como podemos ver en deseños antigos de carteis da Festa do Polbo,) provoca que o símbolo pase a formar parte dunha “comunidade heráldica xenérica”, afastada do espírito local.
3. Empobrecemento simbólico e estético
- Mentres o escudo antigo integraba de forma natural e pictórica o carballo, os osos e o entorno paisaxístico, o novo recorta a narrativa a pezas planas e simétricas, sen relieve nin atmosfera, sobre os colores estipulados polas máis insulsas normas disque-heráldicas, unha mediocridade.
- A inexistencia de follas (símbolo da vitalidade dos nosos bosques de carballos, do que levamos o nome) e a banalización cromática —ouro plano, verde e azuis case artificiais— traducen un gusto gráfico minimalista que non respecta o carácter popular nin o valor etnográfico e histórico do orixinal.
4. Beneficios dunha restauración do vello escudo.
- Participación cidadá: convidar á veciñanza a un proceso participativo de mellora suporía unha ferramenta de cohesión social.
- Maior facilidade para recoñecelo en carteis, taxas, documentos oficiais, logotipos...
- Custe económico reducido: pola reutilización da iconografía existente e o soporte dixital de novas versións, os gastos serían mínimos.
- Non se pretende tirar con todo o traballo feito pola suposta comisión heráldica para o novo escudo, manteríanse na proposta que dende eiquí lanzo os elementos aceptábeis da mesma: Referencia acuática/termal PERO integrada nunha paisaxe e a incorporación do numero de follas ao carballo en representación e homenaxe ás parroquias do noso concello.
Por todo o anterior, e amparados na normativa vixente de protección ao patrimonio cultural, rógolle á Cidadanía do Carballiño interesada, e aos membros da corporación municipal que esten lendo esta denuncia, sexan do partido que sexan, que por favor, debatan este asunto e esta proposta polo ben da identidade corporativa e da imaxe do noso concello.
Un cordial saúdo.