O Instituto de Estudios Carballiñeses e a Incineradora do Irixo

26, Marzo 2012

O Instituto de Estudios carballiñeses quere manifestar o seu sentir defendendo o noso territorio, limpo de toda contaminación, e a máxima de que a nosa sociedade actual pode satisfacer as súas necesidades presentes sen comprometer a capacidade das futuras xeracións, polo que non lle parece adecuado a implantación dunha macro planta de incineración e un vertedoiro asociado no concello do Irixo, tal como se plantexan.

A implantación desta planta, neste lugar, incumpre os principios básicos de realizar un uso adecuado da auga e de plantexamentos respetuosos co medio ambiente.

Por esta razón, desexaríamos que as administracións adopten medidas para o tratamento dos nosos residuos tratando de reducir ao máximo os custes operativos de transporte e tratamento, un aumento da rendibilidade e do valor activo das nosas materias primas, que se atopan entre os nosos residuos, aplicando o principio das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

A aplicación de políticas baseadas na redución, reutilización e a reciclaxe, traerán indirectamente consigo unha mellor protección dos ecosistemas, unha mellora da calidade do aire e da auga, e a conservación dos recursos materiais. Como consecuencia final, tamén nos traerá unha situación máis beneficiosa para a saúde de toda a comunidade.

A Unión Europea ten liderado o cambio na xestión de residuos, durante as dúas últimas décadas, nesa liña agradaríanos que a nosa comunidade aprendese doutros países e doutros modelos para implantar o mellor deles, pero sempre pensando que todo é mellorable.

Na Unión Europea podemos sinalar tres modelos de xestión de residuos, que podemos resumir nas seguintes liñas:

- O modelo de Dinamarca e de Holanda onde existe unha gran presión demográfica sobre o territorio, e foi esa falta de superficie a que lle fixo apostar pola incineración. Pero, en contraposición co modelo Sogama onde a reciclaxe é do 0% da materia tratada, estes países están en números de 53% incineración, reciclaxe e compostaxe 42% e vertedoiro o 5%.

Este sistema ten dous custes, que son: que nos últimos anos a reciclaxe e a compostaxe non aumentaron debido á obriga de suministrar residuos ás incineradoras e, segundo, que Dinamarca dende a implantación deste sistema en vez de reducir incrementou a cantidade de residuos por habitante e ano.

- O modelo Alemán aposta por prohibir a opción do vertedoiro (1%) e  pola prevención, a reciclaxe e o compostaxe (64%) e potenciar a incineración (35%) como única opción finalista de tratamento. Cabe sinalar desta opción que hoxe en día as políticas de reciclaxe compiten directamente coa incineración.

- E finalmente, o modelo máis exitoso en Europa é o modelo de Flandes, en Bélxica. Tras sufrir este país nos anos 80 unha aguda contaminación por dioxinas provenientes das incineradoras, actualmente reciclan e compostan o 75% dos seus residuos e incineran o 20%, pero o máis importante é que nun período de dez anos (1996 a 2006) a xeración por habitante ten pasado de 550 Kg a 150 Kg por ano.

Resumindo, o que nos di Europa é que debemos apostar pola reciclaxe e tratar a incineración e o vertedoiro como o que son: opcións finalistas. Tamén nos di que a día de hoxe os recursos son escasos e as novas estratexias teñen que priorizar a conservación, a reutilización e a reciclaxe dos recursos, debendo apuntar cara o residuo cero.