O PSdG denuncia "a ineptidude do goberno municipal"

29, Outubro 2014

O Grupo Municipal dos Socialistas do Carballiño denuncian que a ineptitude de Marnotes e o seu goberno non ten límites, xa que unha vez máis deixaron escapar unha axuda para concellos do que podería terse beneficiado O Carballiño. Neste caso, o Concello perdeu parte dunha subvención destinada á contratación de persoal de servizos sociais comunitarios por non ter feito as contratacións en tempo e forma.

Así, segundo se expón na moción levada a pleno da Deputación Provincial o pasado 16 de setembro, o Concello do Carballiño solicitou unha subvención, enmarcada no programa BenOurense, para a contratación de persoal de servizos sociais comunitarios.

A contratación de persoal técnico no Concello do Carballiño realizouse con posterioridade á resolución da concesión da subvención, polo que, ao non cubrir o ano enteiro, non se xustificaría o total da axuda concedida.

A Deputación resolveu que o remanente do diñeiro previsto para destinar ao Carballiño se repartiría entre a totalidade de concellos beneficiarios do programa. Isto supón que O Carballiño perde parte da subvención e que percibirá unha axuda menor que a de outros concellos debido á ineptitude, ineficacia e irresponsabilidade deste goberno.

Tampouco é a primeira vez que se perde unha axuda na área de servizos sociais, o que aínda é máis grave tendo en conta que a concelleira de Benestar ten dedicación parcial, co cal cobrando un soldo público debería facer máis traballo e velar mellor polos intereses dos cidadáns.

É inexplicable a desidia e desleixo deste goberno, que deixou ao Carballiño sen numerosas axudas económicas que repercutirían en beneficio de todos, sobre todo tendo en conta as dificultades que atravesan os cidadáns.

É ademais unha desvergoña por parte do alcalde e o seu goberno dicir que non hai diñeiro no Concello e subir os impostos aos cidadáns, mentres por outro lado son incapaces de buscar recursos económicos solicitando axudas ás que O Carballiño podería optar, e que se perden por ineptitude destes gobernantes.

E por enriba temos un alcalde que non só non é capaz de xestionar, senón que non asume a súa responsabilidade, que mais ou menos ven a dicir que el pide as subvencións que lle peta e que cando non ten explicación utiliza a mentira.

Pouco esperamos xa dun alcalde que demostrou que só se preocupa polos seus intereses persoais e que é incapaz de facer unha xestión responsable polos cidadáns, pero alomenos pedímoslle que esta vez non faga uso do engano e o insulto, senón que probe a facer un exercicio de autocrítica.

Asdo: Grupo Municipal do PSdG - Concello do Carballiño