O PSdG no concello do Carballiño denuncia a falla de talante do alcalde do Carballiño

10, Xaneiro 2013

O Grupo Municipal Socialista no Concello do Carballiño vai  pedir esta semana toda a documentación relativa ao asfaltado de rúas no casco urbán desta vila que se levou a cabo nestas últimas semanas cun resultado lamentable nas rúas Cerca e Aquilino Sánchez , que son o exemplo máis claro do que é unha chapuza en toda regra.

   Ante as manifestacións do alcalde, quen ante a denuncia que fixemos destes feitos dende o noso partido, afirmou que a culpa era da empresa que empregou materiais defectuosos; queremos saber cales son os termos do acordo para a reparación deste desaguisado e, mesmo, que medidas se van a tomar contra a empresa, pois o dano á imaxe do Carballiño é flagrante. Así mesmo parece lóxico que se depuren responsabilidades entre as persoas que levan a área municipal de Obras.

   De todos modos, moito nos tememos que esta petición de documentación remate na cesta do esquecemento do señor Marnotes, quen ; facendo gala dunha notable falla de talante democrático e de respecto pola oposición, na que il estivo moitos anos, leva dende o mes de maio sen respostar a ningún dos escritos e solicitudes de documentación feitas polo noso grupo, incorrendo nunha grave ilegalidade.Dada a cal, xa foi advertido por escrito da posibilidade de emprender outro tipo de accións para que cumpra coa lei e facilite o traballo da oposición municipal.

     As razóns para nós desta actitude case ausente do señor Marnotes (os veciños das rúas mencionadas anteriormente, aínda agardan unha visita para que alguén do Concello lles explique o que alí aconteceu) son varias, pero a mais evidente é que o alcalde do Carballiño exerce a súa adicación exclusiva pola que percibe un bo soldo que pagamos entre todos/as os/as veciños/as, cando menos dunha forma peculiar. Non consideramos de recibo que o alcalde da nosa vila, tendo en conta todos os problemas que día a día se dan no noso municipio, estea mais preocupado de botar horas e horas negociando o ERE da Deputación en representación do estamento provincial. O señor Marnotes, parece moito mais pendente de arranxar os problemas da familia Baltar  que os dos carballiñeses.

   Por todo o exposto, solicitámoslle a Argimiro Marnotes, que renuncie a ser o representante da Deputación nesa negociación e que se centre dunha vez no que pasa no noso pobo, ao que ten sometido a un abandono absoluto, preocupado solo por obter o beneplácito do clan dos Baltar, ou en caso que contrario que renuncie á súa adicación exclusiva no Concello do Carballiño, xa que esta é agora mesmo , a todas luces, irreal  .

Asdo: Grupo Municipal Socialista no concello do Carballiño.