Patrimonialización do público

28, Marzo 2023

Nas últimas semanas, Xuntos por San Amaro ven mantendo unha serie de xuntanzas coas entidades veciñais do concello, para coñecer de primeira man as inquedanzas veciñais, amais de favorecer a participación nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes libremente elixidos, como propugna o artigo 23 da Constitución Española. Para onte, domingo 26 de marzo, estaba previsto o encontro coa veciñanza de San Cibrao de Las, despois de falar con un representante veciñal xa fai varias semanas e despois de acordar esta data que non entorpecía a actividade do colectivo veciñal. Xa nos chamara a atención que, unha semana despois de termos acordado o día, se nos indicara que pediramos o local por escrito diante do concello, algo que fixemos sen moito problema por entendermos que as propiedades públicas deberan ter un protocolo de uso claro e transparente.

Porén, aínda que falamos co representante veciñal (xa fai 2 ou 3 semanas) e rexistramos en tempo e forma un escrito solicitando o local, o actual goberno do concello nin se molestou en respostar ao mesmo, secuestrando os dereitos á liberdade de expresión, á participación nos asuntos públicos e ao uso dun local público e costeado por todas as veciñas e todos os veciños do San Amaro. Xa abonda. Este goberno tránsfuga está tratando de pervertir os resultados das vindeiras eleccións municipais. E semella facelo coa complicidade dun Secretario municipal que leva informado favorablemente e blanqueado cantas irregularidades e cuestións dubidosas se teñen dado no concello desde a súa chegada no ano 2016 para sustituir á anterior Secretaria, quen -casualmente- si manifestara diversas obxeccións e reparos diante do contrato da auga que estaba a piques de se aprobar. E todo isto con unha serie de argucias desafortunadas e mesquiñas tales como: Adulteración do Censo electoral. Nas últimas 3 décadas só houbo 2 anos nos que se viu incrementado o censo do San Amaro, como pode verse nesta gráfica realizada con datos do INE. Foron o 2007 e o actual 2023; casualmente dous anos con convocatoria electoral a eleccións municipais e dous anos nos que o PP tiña e ten difícil acadar o goberno. Na actualidade, o concello do San Amaro atópase noutro triste ranking español. Atópase investigado polo INE canda outro medio cento de concellos de toda España. Emprego de cartos de toda a provincia e de todo o país para un interese persoal e partidista.

O obxectivo de desviar cartos de toda a provincia para os concellos nos que o PPdG quere recuperar a alcaldía, despois de facelo con operacións de transfuguismo, non é a mellora do propio concello (sen dúbida, se conseguen a alcaldía, San Amaro voltará á situación de abandono vivida nos anteriores 30 anos, e é algo que todas e todos sabemos), senón a procura de mellorar o resultado electoral no San Amaro do sr. Redondo, do PP e por extensión de Manuel Baltar, responsable deste desvío de cartos sen control. Ocultación de información. E de feito así o fixo porque, despois de marear intencionadamente as nosas solicitudes de documentación, incumprindo en TODAS as ocasións os prazos que lle marca a lei para respostarnos, aínda hoxe non foi quen de amosarnos o extracto dunha das contas bancarias do concello. Non entender o papel da Alcaldía. Prohibiunos gravar o Pleno municipal, no pasado 21 de marzo, aludindo que había que pedir permiso, algo do que tivo que retractarse xa na seguinte convocatoria plenaria, o que evidencia a curiosa percepción que o actual alcalde ten das institucións e dos reximes democráticos. Opacidade nas contas. Aprobou as contas públicas sen pasar os procedementos legais obrigatorios, coas conseguintes consecuencias de déficit democrático e grande risco de recortes serios no futuro. Paga irregular do alcalde. Púxose unha paga a percibir desde o día seguinte da súa chegada á Alcaldía mercede a unha operación de transfuguismo, sen sequera unha partida aprobada para ese concepto nin aprobala en Pleno como manda a lei. E cando -despois de meses insistindo- decidimos denunciar a situación, tentou regularizala con carácter de urxencia e pola porta de atrás, con todas as dúbidas sobre a validez do “carácter retroactivo” dun ano que pretendeu outorgarlle ao seu soldo e da ausencia total de pagamento á Seguridade Social.

E agora pretende secuestrarlle ás veciñas e aos veciños do San Amaro o seus dereitos á liberdade de expresión, excusándose no uso dos locais públicos, cando Xuntos solicitara o uso do local en tempo e forma sen recibir resposta e -para máis inri- sabemos agora que as chaves dos locais públicos do San Amaro andan de man en man, sen ningún escrito, nin convenio nin sequera unha Ordenanza que regule os usos e os protocolos dos mesmos. Porén e todo, algúns veciños e algunhas veciñas decidiron acudir á cita, poñendo en valor o seu dereito fundamental á participación nos asuntos públicos, propugnado pola Constitución Española, aínda que -polo que puidemos saber- houbera alguén relacionado con todo isto que acabamos de expoñer, que estivo “recomendándolle” á veciñanza que non viñeran ao acto. Pois ben, o acto tivo lugar na rúa, ás portas do local público, evidenciando como o goberno municipal foi capaz de rizar o rizo pechando o acceso de veciñas e veciños a unha propiedade veciñal. Aínda así, recollimos moi agradecidos as propostas e demandas das persoas asistentes. Seguiremos dándolle voz á veciñanza, sempre con respecto institucional e dentro do marco lexislativo.