A precampaña do Sr. Fraga en Piñor

2, Marzo 2011

O pasado sábado o Alcalde de Piñor inaugurou unha nave que fixo o Concello 
cos fondos do Plan E. Custou uns 250000€, que era a totalidade dos fondos 
que lle correspondían ao noso concello. Pódense discutir infinidade de 
cousas neste caso: se era o máis necesario para o Concello ou había outras 
prioridades, se a ubicación é a máis axeitada (no medio do monte) ou se 
era preciso inaugurar unha nave. Pero aínda hai cousas máis graves, como 
que a nave está aínda coa luz de obra, despois de estar rematada fai máis 
dun ano. Ou que se inaugure agora, precisamente antes das eleccións, e que 
non se faga para tódolos veciños do Concello, senón só para uns cantos 
"amigos". Moita xente nin se enterou, xa que non se puxo ningún bando nin 
anuncio. En cambio a outra xente avisárona por teléfono ou persoalmente.
O próximo sábado o Sr. Fraga segue coa sua rolda de inauguracións. 
Tócalle neste caso ao..., e que non sei como chamarlle, a un edificio que 
leva máis de catro anos rematado, que naceu como centro de día, pasárono a 
centro social, multiusos, tanatorio, etc, pero realmente durante este tempo 
só se usou como local electoral.
Esperemos que esta inauguración estea aberta a todo o mundo e non só aos 
militantes do PSOE e "amigos" do Alcalde. Alcade que xa vemos que é só duns 
cantos pero cos cartos de todos.