RESPOSTA DUN VECIÑO DE ALDEA

1, Setembro 2022

En primeiro lugar dicir que son veciño dun pobo do Carballiño no que non chegamos os 100 habitantes e seguimos baixando ano tras ano. 

En segundo lugar quero mostrar a miña total repulsa polo comentario-crítica sobre as festas do San Cibrao e que está totalmente fora de lugar. Sobre todo cando fai referencia a chamada xente de aldea, os emigrantes e xa no digo nada por empregar o termo xeriátrico. Paréceme un total falta de respeto e de coñecementos. Calquera sabe que a nivel poboacional o Carballiño é o que é hoxe grazas o fluxo poboacional que se produxo dende as aldeas da contorna. Nin dicir cabe o que supuxo a emigración para O Carballiño e a comarca. Empregar o termo xeriátrico é totalmente desafortunado, ogallá houbera máis en sinal de que temos máis xente maior a que coidar como merecen, ogallá houbera máis avós e avoas.... 

En relación a esas festas que chama de aldea,  moitas delas están mellor organizadas cas dalgunha vila ou cidade grande. Entendo que se refire a Panorama cando fala de orquesta moi vista, será porque antes xa estivo na "aldea" das Neves de Grixoa (alí traballan todo o ano para ter as festas) ou no Carballiño pola celebración do Cacho Pizza (Emigrante retornado). Eu comprendo que o mellor na contorna xa a vimos suficientemente este verán e tendo en conta que tamén estivo o Combo, debería tocarlle a París de Noia. 

Fala do Carballiño fachendeando dos 14.000 habitantes que somos, como si estivéramos por riba dos demáis. Tendo en conta esa cantidade e supoñendo 4 membros por familia (que xa é moito supoñer) saen 3.500 familias. Se todas esas familias dirán os mesmos 50 euriños que da iste de aldea terían un presuposto de 175.000 euros o que habería que engandir a publicidade do libro e cuotas das atraccións.

Non se poden pedir mellores festas se non hai presuposto, Fala de que hai que cambiar os maiordomos, dúbido moito que exista esa figura como tal nas festas do Carballiño. O que habrá será unha comisión de festas na que forma parte importante o Concello que organiza a programación das festas cun presuposto axustado e calquera pequena variación e asumida polo ente municipal. 

A mensaxe anterior tamén ten un claro tinte político, nótase que falta pouco para as eleccións.

Poderá pensar alguén que as miñas ideas van máis cas do partido que nos está a gobernar que cos da oposición. A verdade é que non me gusta nada a política, son dos que fai cambiar un goberno como meu voto, eu voto polos feitos e non polas ideas. Polo tanto son dos que pensa que un alcalde que perde as eleccións ten máis culpa él e o seu partido que gobernou durante 4 anos que os meritos que podían ter os partidos da oposición.

Somentes dous apuntamentos máis:

Este verán tiven o privilexio de ir de invitado por uns amigos a festa das Carrilanas de Esteiro en Muros (recomendollo a calquera ir polo menos unha vez na vida). Dicir que Esteiro é unha parroquia de 1.900 habitantes dentro do Concello de Muros que non chega os 8.500 habitantes. Pois unha organización sen ánimo de lucro é capaz de organizar unhas festas o redor deste evento cun presuposto de 270.000 euros (alí tamén traballan todo o ano para organizar e recaudar e non agardan a que pase a Festa do Pulpo para facer o libro e ir pedir).

Realmente non penso que este Copenauta crítico sexa de cidade ou non teña ou tivera familia na aldea, pero esqueceuse completamente dela, senón non empregaría o termo aldea con esas connotacións.

Aquí un de aldea, no peor da pandemia e do confinamento, andábache como "Dios" pola finca que teño o redor da casa ca miña familia e o can, coidando o viñedo e a horta.

Un respeto os de aldea, os emigrantes e os sobre todo os nosos maiores.

Un Carballines de aldea a moita honra.