Resposta a "Excusas baratas"

21, Xuño 2023

Son a veciña anónima do Irixo e, como resposta á persoa que escribiu a denuncia “Excusas baratas”, gustaríame aclarar certos puntos que, dende o meu punto de vista, puideron non quedar claros na miña denuncia e, tamén, responder algunha das súas afirmaciós. 

A min non me gusta facer afirmaciós tan rotundas como as que fai vostede, pois o que escribo non é máis cá miña humilde opinión froito da observación e escoita directas, por iso pode parecer que "insinúo" certas cuestiós, pero o que fago é afirmalas, sempre como opinión persoal. É a miña visión do asunto e non quero dicir que non sexa válido que vostede faga afirmaciós rotundas, senón que explico o porqué de non facelo eu.

Sobre o tema que nos ocupa, en primeiro lugar, por suposto que calquera partido ou agrupación pode gobernar en conxunto con outra, pero sempre e cando ambas sexan razoables. Penso que non se lle pode reprochar ó PSOE que pida o que pensa que é máis conveniente para o seu futuro. Diso trata a política. Por desaloxar o sr. Cerdeira do sillón teñen que ceder en absolutamente todo? Non creo que sexa xusto para eles nin para os seus predecesores e sucesores. Neste sentido, é certo que Fariñas non facilitou, de momento, a caída de Cerdeira, e que é reprochable que diga unha cousa e que faga outra, pero, entón, eu dende aquí pídolle ó sr. Fariñas que, de presentarse a máis elecciós, avise de que fará todo o posible por desaloxar o PP do concello, pero sempre e cando non lle pidan "el oro y el moro", que por aí non vai pasar (nótese a ironía). Por favor! Sería tan absurdo facer algo que todos deberíamos sobreentender… E o mesmo se pode aplicar a Xuntos. Exactamente o mesmo.

En canto á entrevista na radio, temos visiós ben distintas, aínda que a súa fai que me reafirme na miña: non gusta que Fariñas fale con claridade e contundencia do que é a política municipal e do que o seu partido busca ou quere conseguir. Supoño que el debería tomar nota disto.

Por outra parte, creo que non é totalmente certo o que di vostede de que ós veciños non lle importa de que é ou non é concelleiro tal ou cual persoa. Ogallá lle dese todo o mundo tanta importancia coma min á visibilización e dinamización cultural e á conservación e coidado do patrimonio! Pero eu non vexo que sexa así porque levo oíndo toda a vida como se di que un alcalde "fai moito" se hai obras (e se non hai problemas cos permisos), se se limpan as cunetas, se os traballos sociais van funcionando (aínda que sexa a ralentí), se se cambian as bombillas, e se chaman á deputación pra cambiar os contenedores da basura e os bancos, por poñer varios exemplos habituais. Ogallá non fose así, pero esa é a miña experiencia ó respecto. Polo tanto, comprendo, neste punto, a posición do PSOE de querer e a de Xuntos de non ceder, aínda que ambas me parezan máis ca cuestionables.

Antes de rematar de aburrilos coas miñas cousas, quería facer dous apuntes.

O primeiro é sobre o tema das familias vinculadas de sempre a un ou outro partido. Ben é certo que o que vemos e oímos na casa nos inflúe, sobre todo, na infancia e na mocidade, pero a medida que nos imos convertendo en persoas autónomas, tamén o noso pensamento se fai autónomo, na maioría dos casos. Con isto quero dicir que aínda que unha familia se vincule "de toda a vida" a un partido, non tódolos seus membros poden sentir esa vinculación e, polo tanto, actuar e votar en consecuencia. Cantas familias falanxistas viron como fillos e netos se facían socialistas ou comunistas, noutros tempos? E cantas familias de esquerdas ven, actualmente, como os fillos e netos xiran á dereita? Por iso eu non lle fago moito caso a iso de "eses sempre foron do "soe"/PP".

O segundo apunte, e xa remato, é sobre unha cuestión que me fixo gracia de varias denuncias (2 ou 3, non estou segura), nas que se confunde a Xuntos polo Irixo con Polos Veciños. Por que será…?

Moitas grazas polo seu comentario e, coma vostede, eu tamén agardo que Xuntos e o PSOE aparten os egos das negociaciós, que volvan sentar, cedan ambos e cambien o goberno, pero moito me temo que non vaia ser posible, mal que nos pese. 

Ogallá non perdan esta oportunidade histórica.

Saúdos cordiais.