Resultados electorais.

27, Setembro 2016

Chámame a atención a decadencia dun partido como é o PSdeG, que fai catro anos preconizaba e clamaba aos catro ventos aquelo de ¡PACHI PRESIDENTE! Fai catro anos o pachismo recibira un castigo severo, e nin os máis pesimistas podían pensar que este partido non tocara o seu chan electoral. Polo que parece, pese aos  catastróficos resultados electorais destas eleccións, o PSdeG do Carballiño non tocou chán.

E humildemente fago as seguintes reflexións en alto. É ben coñecida a lacra caciquil que sufrimos nesta provincia encabezada polo baltarismo. As características deste esquema son as seguintes: Rede clientelar, contratacións a dedo, sucesión endogámica de sagas familiares no poder, e innumerables e innomeables resolucións inxustas que cada vez favorecen aos mesmos.

Dito o cal, sería conveniente analizar cal foi a resposta do pachismo a esta lacra. E chego á triste conclusión de que a resposta do pachismo o baltarismo foi: MÁIS DO MESMO. Porque o que fixo o pachismo foi facer un calco do baltarismo. Se o baltarismo adoece de meter o fillo no lugar do pai, o pachismo adoece de meter dona e irmá na mesma pomada. Se os alcaldes do baltarismo metían a fillos, os pachistas encaixan aos seus por portas xiratorias, ainda que non sexa nos seus concellos. Se a Deputación era un instrumento o servizo das necesidades laborais do baltarismo, o concello do Carballiño, o de Maside, o de Piñor, facían o propio o servizo dos pachistas.

En conclusíon penso o seguinte. Non é lóxico un respaldo tan contundente ao PP despois do que está caendo, pero non podo enrabietarme cos meus paisanos, porque penso a pes xuntillas que o pobo galego é sabio. Polo que chego á conclusión de que o pobo galego dixo alto e claro: PRA CACIQUISMOS QUEDÁMONOS COS QUE HAI. E espero e desexo que as novas forzas que xurden no panorama politico collan esta clara mensaxe, e plantexen alternativas diferentes, que dean resposta a todas as problemáticas, e que non estean orientadas a servir intereses propios.